A Xunta formalizou hoxe o contrato para executar as obras da 2ª fase do proxecto de humanización da avenida de Galicia, en Teis, que suporán un investimento total de 4,1 millóns de euros.
Así, o contrato completará a remodelación deste eixo vertebrador da parroquia coas obras, en execución, da 1ª fase de humanización da PO-323. Este abrangue un treito de 500 metros: desde Mariña Española ao IES de Teis. A previsión é poder comezar esta 2ª fase dos traballos no outono, cun prazo de execución de 14 meses.
Do límite de Redondela ao instituto de Teis
En concreto, as intervencións que se van a executar consisten na humanización do treito de 1,56 km desta vía autonómica: entre o límite de Vigo e Redondela, ata o IES de Teis. O obxectivo é reforzar a seguridade viaria, priorizando os peóns.
Con esta 2ª fase, búscase fomentar a mobilidade segura e sostible, así como mellorar a mobilidade interna. Para iso, se realizarán conexións coa trama urbana de beiravías existentes e con itinerarios alternativos, como a Vía Verde.
Esta actuación incluirá a reposición de pavimento dos itinerarios existentes; a execución de zonas de aparcadoiros e a habilitación de pasos peonís sobreelevados nas interseccións que permitan a interconexión con outros itinerarios peonís. Nas zonas onde o espazo dispoñible o permite disporase arborado.
Novos aparcadoiros e un total de 237 prazas
En canto aos novos aparcadoiros incluídos no contrato formalizado hoxe, está previsto executar tres novas zonas cun total de 167 prazas, o que unido ás prazas que se conservarán nas marxes da estrada, implica que haberá 273 prazas no ámbito da obra. Así, gañaranse 75 prazas con respecto ás 198 actuais, un incremento do 38%.