A música encherá este martes 18 de xullo o Castelo de Sobroso da man do grupo Caldo, cun concerto enmarcado no programa da Deputación de Pontevedra “Tras as Ameas”. Nava Castro, deputada provincial e alcaldesa de Ponteareas, asistirá a esta cita na que o trío integrado por María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandereta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) ofrecerán unha proposta a base da fusión de melodías tradicionais galegas e composicións propias, con influencias das músicas europeas e atlánticas. A actuación comezará ás 22:00 horas diante da fachada do Castelo e ten xa todas as entradas esgotadas.
Caldo
Caldo, afincado no Val Miñor, achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos. Foi gañador ao Mellor Proxecto de Música Folk nos Premios Martín Códax da Música e do Concurso Fran Pérez “Narf” no ano 2020. Para o seu primeiro disco, gravado en directo, tomaron como fío condutor o repertorio da aldea de Moscoso (Pazos de Borbén) e realizaron unha revisión do material recollido por Xisco Feijóo ás informantes Rosa e Aída Garrido.
No seu segundo álbum, Lugar A Ponte, que acaban de publicar este ano, o grupo déixase levar a través doutras estéticas. Trátase dun traballo intimista co que Caldo ten creado historias, letras e melodías cheas de recordos, no que cada tema representa un vínculo, un momento de cambio, unha relación ou unha perda.