O Goberno municipal do Porriño manifestou a súa “máis enérxica condena á agresión sexual acontecida na madrugada do martes nas festas de Pontellas“. Ademáis, amosa “o noso total apoio e solidariedade coa vítima e a súa familia, poñendo a súa disposición os recursos de apoio psicolóxico e protección que requira“.
Dende o Concello, “a petición da familia”, coa que mantivo contacto “en todo momento”, fan un chamamento á “prudencia na difusión de informacións” e piden o máximo respecto para preservar os seus dereitos e intimidade.
“Reiteramos, de maneira clara e decidida, o noso rexeitamento contra calquera forma de violencia machista”, sinalan dende o Goberno municipal. “O noso compromiso na loita contra calquera conducta que atente contra a dignidade e a integridade física ou moral das mulleres é firme”.
Por último, os responsábeis locais lembran que nos eventos organizados polo Concello do Porriño as mulleres teñen á súa disposición, nun lugar accesible e céntrico, o Punto Violeta ao que poden acudir en caso de sufrir ou presenciar unha agresión sexual, ademais de recibir atención inmediata por parte de persoal cualificado.