O Concello de Covelo denuncia o roubo de nove “vallas” metálicas do peche perimetral da pista polideportiva e de lecer do parque de Pazos, na parroquia de Santa Marina, recentemente inaugurado.
Pablo Castillo, alcalde, explica que non só se trata dunha perda económica tamén de seguridade xa que estes valados pechaban o parque infantil impedindo posibles accidentes e danos provocados pola entrada de animais.
Dende o goberno municipal lamentan a falla de civismo destas persoas que atentan contra o patrimonio de toda a veciñanza. Os nove valados metálicos de cor verde, de dous metros de alto por un de ancho, están valorados en arredor de 1.000 euros. As “vallas” subtraídas cubrían dezaoito metros lineais que o Concello procederá a pechar novamente.
As autoridades locais solicitan a colaboración da cidadanía que poida aportar información certeira e sensata. O goberno do Concello de Covelo lembra que “se trata de elementos municipais pagados cos fondos públicos e cos cartos de todas e todos os veciños e veciñas e que seguirá a traballar para embelecer os espazos públicos e facelos máis agradables e seguros”.