A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, vén de informar favorablemente ao Concello de Vigo sobre o plan presentado para a construcción da nova Biblioteca de Estado, na rúa Lalín.
Así, o departamento autonómico responde ao documento achegado pola Administración local no que se remite o proxecto denominado “Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para a localización da Biblioteca Pública do Estado en Vigo”. Dito documento foi aprobado inicialmente polo Goberno local na súa sesión do pasado mes de abril.
A autorización de Patrimonio Cultural sinala que o ámbito que abrangue as dúas parcelas municipais, cunha superficie total de 6.578 metros, contará cunha zona dotacional e unha zona verde. “Non consta no ámbito do PERI a existencia de ningún ben do patrimonio cultural de Galicia”, sinala a Dirección Xeral.
Ademais, tamén apunta que “non existe ningún elemento catalogado no ámbito e non se identifican no ámbito bens ou elementos que deban ser protexidos polo seu valor patrimonial”.
En 2024 podería licitarse a obra para rematarla en 2026 ou 2027
Ainda que os prazos, como sempre sinala o alcalde, sempre son conflitivos, o ministro de Cultura, Miquel Iceta, nunha visita a Vigo hai preto de dous meses, asegurou que agardaba que o proxecto estivese licitado antes de rematar este ano; que en 2024 fose posible licitar as obras e que as mesmas estivesen rematadas en 2026 ou 2027.