Cultura Vigo al minuto

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, este venres en Rodeiro

Ás 22:00h. dentro do programa Musigal da Deputación de Pontevedra

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, este venres en Rodeiro

O programa Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra, chega este venres 28 de xullo ao concello de Rodeiro, co concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

A actuación comezará a partir das 22:00 horas na Avenida Gumersindo Areán e Xabier Díaz presentará, en compañía das Adufeiras de Salitre, o seu terceiro álbum conxunto, As Catedrais Silenciadas, que culmina un proceso que comezou no ano 2015 no que o elemento diferencial son o conxunto de mulleres vocalistas e percusionistas.

Trátase dun álbum que actualiza diferentes tipos de formas musicais como pasodobres; xotas; alalás; ribeiranas ou muiñeiras, e foi galardoado co Premio Martín Codax na categoría de Música Tradicional no 2020. Ademais figurou tres meses consecutivos no Top Ten do World Music Charts Europe e tivo entrada na sección Top of the World da prestixiosa revista Songlines, na que os editores escollen os 10 mellores discos de cada mes en todo o mundo.

40 anos na música

Cunha traxectoria de case 40 anos na música, Xabier Díaz (A Coruña, 1969) tamén atesoura unha intensa actividade docente, en asociacións e certames. Formou parte de Berrogüetto entre 2008 e 2014 e, paralelamente, participou xunto a Guadi Galego, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández no proxecto aCadaCantos.

As composicións de Xabier Díaz, en moitos casos, parten do traballo de investigación, escoitando as cancións das mulleres no rural e dándolles o seu estilo. Ten recibido numerosos premios polo seu traballo, como o da Música
Independente ao mellor álbum en galego en 2016, e actuado en numerosos países de Europa, África e América.

También te puede interesar