Deportes Vigo al minuto

Ruta en pádel surf e caiac pola ría de Vigo e a Illa de San Simón

Esta fin de semana dentro do programa ‘DepoAuga’

Ruta en pádel surf e caiac pola ría de Vigo e a Illa de San Simón

O programa provincial “Depo Auga”, co que a Deputación de Pontevedra oferta actividades de pádel surf e caiac en contornas de ríos e rías da provincia, péchase esta fin de semana en Redondela, con percorridos pola Ría de Vigo e a Illa de San Simón os días 29 e 30 de xullo.

A actividade consistirá nun roteiro circular de aproximadamente 4 quilómetros a través do que se poderá ver o monumento ao capitán Nemo, as illas de San Simón e San Antón e fotografar a ponte de Rande desde unha perspectiva única.

Dende Cesantes

O roteiro, dunha hora de duración, partirá da praia de Cesantes, en Redondela, e percorrerá a enseada de San Simón, pertencente á Rede Natura 2000, importante pola súa biodiversidade debido á gran presenza de bivalvos e numerosas especies de  aves. En total, ao longo da fin de semana daranse cita 32 persoas que se repartirán en 4 quendas: dúas o sábado e outras tantas na xornada do domingo.

DepoActívate

Esta é a terceira e última das saídas de “Depo Auga”, programa que se enmarca dentro de “Depo Actívate”, o calendario de actividades deportivas que organiza a Deputación ata o mes de outubro para dinamizar, fomentar e promover o deporte, así como transmitir valores e hábitos saudables a través da actividade física. Antes desta ruta desenvolvéronse outras dúas: unha pola Illa de Tambo, no mes de xuño, e outra polo río Verdugo e as Salinas de Ulló, a principios deste mes, nas que participaron ata 64 persoas.

También te puede interesar