A Xunta incrementa en agosto máis de 200 frecuencias de autobús á semana na liña Vigo-Baiona e Vigo-Gondomar, e nos servizos diarios do Porriño, Ponteareas e Tui cara a Praia América, en Nigrán.
Estes servizos que conectan estas localidades e as zonas de praia, refórzanse para atender a demanda de transporte público específica durante esta época para os desprazamentos aos areais.
Vigo-Baiona
Así, dúas das liñas de autobús que atenden a conexión Vigo-Baiona, contan en agosto con servizos reforzados, unha delas, con paradas nas praias de Nigrán: Praia América, Panxón e Patos. En concreto, estas liñas realizarán 187 servizos máis á semana con respecto aos meses de setembro a xuño; 27 máis ao día de luns a sábado e 25 máis os domingos e festivos.
Deste xeito, entre Vigo e Baiona os autobuses teñen frecuencias de ata 15 minutos en moitas horas do día e, en momentos de maior demanda, e hai servizos cada hora durante a tarde na conexión cos areais de Nigrán.
Vigo-Gondomar
Entre Vigo e Gondomar, a liña que realiza paradas en Praia América, Panxón e Patos terá en agosto 29 servizos máis á semana que nos meses de setembro a xuño. Son 5 máis ao día de luns a venres e 2 máis sábados, domingos e festivos. Con este reforzo, haberá autobuses case cada hora durante a tarde entre semana, e nas fins de semana, horarios adecuados aos desprazamentos á praia.
O Porriño e Tui
Ademais, a oferta de servizos facilita as viaxes en transporte público á praia desde outros concellos da área do sur de Vigo, con liñas directas sen paradas intermedias desde O Porriño e Tui a Praia América, en Nigrán.
Desde O Porriño, os cidadáns dispoñen en agosto dun servizo de ida e outro de volta todos os días da semana, con saída ás 15,00 horas e regreso ás 20,30 horas desde o areal. Ao non realizar paradas intermedias, a duración é de só 30 minutos. Esta liña directa da servizo a usuarios de Ponteareas -tras os axustes realizados desde o 1 de agosto para mellorar a coordinación cos servizos que conectan Ponteareas e Vigo e facilitar os enlaces no Porriño-.
Desde Tui tamén hai unha liña directa a Praia América cunha expedición de ida e outra de volta de luns a domingo, con saída de Tui ás 12,00 horas e volta ás 19,00 horas.
Os menores de 21 anos poden ir gratis
Hai que lembrar que nester servizos, como en todos os autobuses da Xunta, os menores de 21 anos poden
viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova. Tamén o resto de usuarios do transporte público da Xunta poden beneficiarse dos descontos da tarxeta TMG.
Os horarios dos autobuses da Xunta e toda a información pode consultarse en www.bus.gal.