A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade salientou hoxe que os veciños de Teis disporán na primavera dunha Avenida de Galicia máis accesible, humana e segura. Será posible, dixo, tras un investimento da Xunta de 2,5 millóns de euros e avanzou o inicio, no outono, da segunda fase das obras, que complementarán a humanización.
As obras, ao 30%
Ethel Vázuez supervisou, xunto coa delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, a marcha dos traballos dunha primeira fase de humanización da avenida que se iniciou a finais de marzo, está a avanzar a bo ritmo e acada xa o 30% de execución.
Nesta liña, a conselleira explicou que os obxectivos desta intervención son o calmado do tráfico na entrada da PO-323; ofrecer máis protección aos peóns, con actuacións encamiñadas a incrementar a seguridade viaria; e favorecer e mobilidade sostible, coa mellora dos itinerarios peonís.
Ahora mesmo, as intervencións que se están a levar a cabo nesta primeira fase de humanización da avenida de Galicia céntranse nun treito de 500 metros, entre o cruce da estrada PO-323 coa Avenida da Mariña Española e o IES de Teis. Así, na actuación, tal e como indicou a titular de Infraestruturas, téñense en conta puntos singulares do trazado da estrada que presentan unha maior conflitividade, como os cruces coas vías que dan acceso ao centro de saúde ou á ETEA.
Ampliación
Concretamente, os traballos que se están a desenvolver consisten na mellora e ampliación ata os 2 metros de ancho das beirarrúas en ambas as marxes, para mellorar continuidade e a accesibilidade. Ademais, para garantir movementos máis seguros e tráfico máis fluído, vaise habilitar unha glorieta na intersección con Mariña Española pola que se accede á ETEA.
Tamén se recolocarán as marquesiñas do autobús; instalarase unha nova varanda e reporase o muro de peche existente, favorecendo unha mellor integración na zona do Camiño Portugués.
Aparcadoiro
Neste sentido, a conselleira lembrou que en só un mes despois de terse iniciado os traballos, a finais de abril, se
acadou un fito importante nas obras: a posta en servizo provisional do aparcadoiro de 38 prazas, 5 máis das inicialmente previstas, das que 3 están reservadas para persoas con mobilidade reducida.
Ademais do aparcadoiro, ata o momento realizáronse as demolicións necesarias na zona da glorieta e executáronse parte dos pavimentos; tamén a estrutura de ampliación da beirarrúa próxima ao IES; colocouse alumeado provisional; executáronse as redes de telecomunicacións e electricidade; e repúxose parte da rede de abastecemento, saneamento e alumeado.
Drenaxe de pluviais
De maneira inmediata, os traballos centraranse en finalizar a reposición destas redes de servizos e a drenaxe de pluviais. E despois continuarase coa renovación de pavimentos; a mellora e ampliación das zonas verdes; dotarase de alumeado definitivo; renovarase o firme da PO-323 e na Baixada aos Ríos e sinalización.