Imagen: James Gathany/ A Xunta de Galicia, a través da dirección xeral de Saúde Pública, informou hoxe da detección no concello de Moaña de exemplares do mosquito aedes albopictus, comunmente chamado ‘mosquito tigre’.
O goberno autonómico conta cunha Rede Galega de Vixilancia de Vectores que identificou durante o ano pasado máis de 6.000 exemplares de mosquitos con potencial interese pola súa capacidade de ser vectores de transmisión de enfermidades humanas e animais. Desde a posta en marcha este ano do novo Plan Nacional de Prevención, Vixilancia e Control das enfermidades transmitidas por vectores, Galicia colabora tamén co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no impulso do proxecto de ciencia cidadá ‘Mosquito Alert’, que facilita a participación da cidadanía na achega de información sobre presenza de mosquitos a través dunha app.
Grazas a un veciño
Precisamente mediante ese método e grazas á colaboración dun veciño da localidade de Moaña se detectou a presenza de exemplares que, tralo estudo por parte da Rede Galega de Vixilancia de Vectores, se certificou que pertencían a esta especie, que é a primeira vez que se detecta en Galicia.
Pode transmitir o dengue e Zika
Este mosquito é un potencial transmisor de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou Zika. En consecuencia, o protocolo previsto no Plan Nacional leva a tomar medidas para previr o risco, aínda que non se puido aínda confirmar a presenza de ningún destes virus nos exemplares existentes en Moaña. De feito, a presenza deste mosquito noutras comunidades autónomas españolas non produciu circulación destes virus agás casos illados de dengue detectados en 2018 e 2019.
Comité técnico de coordinación
No marco do protocolo establecido no Plan Nacional de Prevención, Vixilancia e Control, a Xunta constituíu un comité de coordinación de carácter técnico para o que xa foron solicitados representantes aos departamentos autonómicos de Medio Ambiente, Medio Rural, Interior, á área sanitaria de Vigo e ao propio Concello de Moaña.
Este comité, coordinado pola subdirección xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da dirección xeral de Saúde Pública, reunirase nos vindeiros días para planificar accións de reforzo da vixilancia da poboación deste mosquito co obxectivo de controlala para evitar a súa dispersión, así como reforzo da vixilancia epidemiolóxica ante posibles casos de picaduras e a difusión de consellos para a poboación á hora de evitar a proliferación de mosquitos e a súa picadura.
Información e consellos para a poboación
Recoméndase á poboación da zona afectada o mantemento de boa hixiene persoal e o uso de repelentes eficaces para minimizar o risco de picadura. As picaduras son moi molestas e poden producir reaccións alérxicas de certa gravidade.
O ‘mosquito tigre’ cría en pequenos recipientes que acumulan auga estancada durante máis dunha semana, polo que se recomenda revisar cada 4 ou 5 días lugares como bebedeiros de mascotas, floreiros ou pratos situados baixo as macetas para evitar que se creen hábitats propicios para a instalación do mosquito.
App Mosquito Alert
Por outra banda, a Xunta de Galicia agradece a colaboración cidadá na detección de presenza deste mosquito. A app Mosquito Alert permite enviar unha fotografía de mosquitos detectados para que sexan analizados por expertos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Rede Galega de Vixilancia de Vectores que a Xunta mantén en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e Vigo.
O mosquito aedes albopictus ou ‘mosquito tigre’ caracterízase pola súa coloración negra intensa cunha liña branca lonxitudinal central en tórax e cabeza e as súas patas a bandas negras e brancas. O seu tamaño pode oscilar entre os 5 e os 10 milímetros.