Comarcas Vigo al minuto

‘Mamá Cabra’ este xoves, no Castelo de Soutomaior

Dentro do programas ‘Tras as Ameas’, da Deputación

'Mamá Cabra' este xoves, no Castelo de Soutomaior

O grupo de música infantil Mamá Cabra protagoniza este xoves 10 de agosto no Castelo de Soutomaior a nova proposta do ciclo da Deputación de Pontevedra “Tras as Ameas”. Así, o xardín da fortaleza converterase no escenario do novo espectáculo do grupo, baixo o título ‘Paxaro amigo. Músicas para a paz’, que comezará ás 19:00 horas e para o que xa están todas as prazas esgotadas.

Dende os 3 anos

Esta proposta, dirixida ao público infantil a partir dos 3 anos, está cargada de mensaxes que apostan por un mundo mellor. O espectáculo inspírase no libro de Mamá Cabra ‘A bruxa Discordia’ e narra a historia desta bruxa, que está feliz destruíndo a paz e facendo que todos os animais e os humanos se leven mal, ata que un día sucede algo que cambiará o seu mundo para sempre.

No elenco protagonista figuran Prepablo Patinho (autor do texto e director do espectáculo), Luchi Iglesias, Gloria Mosquera, Tomi López, Diego Maceiras e Harry Prince.

Tras as Ameas

Esta actividade é unha das 13 programadas ao abeiro de “Tras as Ameas”, o programa co que este verán a Deputación de Pontevedra está a encher de cultura os castelos de Soutomaior e Sobroso. Como informou vigoalminuto, o ciclo arrancou o 27 de xuño e inclúe ata o 29 de agosto un total de 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo.

As actividades están divididas en cinco bloques: ‘Noite no castelo’ (accións nocturnas); ‘Música con historia’ (concertos para público familiar); ‘Nin príncipes nin princesas’ (contacontos); ‘O teatro vén de visita’ (teatro de rúa); ‘Creando no xardín’ (obradoiros participativos de arte); ‘Vaia circo este castelo!’ (espectáculos de circo exterior) e ‘Entre muros de maxia!’ (espectáculos de maxia).

Os próximos tres espectáculos, os últimos da actual edición do programa, teñen xa tamén todas as prazas esgotadas: ‘Nino & Nambrú’ de Nauta, o 17 de agosto no Castelo de Soutomaior; o espectáculo de maxia ‘Superheroe’ de Fran Frei, o 22 de agosto no Castelo de Sobroso; e por último o obradoiro ‘Lingoroteira’, de Xarope Lulú, o 29 de agosto tamén en Sobroso.

También te puede interesar