O Concello do Porriño avanza nos traballos de extensión da rede de saneamento na parroquia de Budiño. Así, estes días estase a rematar a obra que dará servizo a 29 vivendas e ao colexio no núcleo do Picouzo. A mesma abrangue a conexión coa rede xeral de abastecemento e saneamento, para o cal se instalaron catro grandes colectores de 542, 404, 370 e 1.010 metros máis colectores de sección de tramos que suman preto de 2 quilómetros máis de tuberías.
Tamén están a piques de finalizar os traballos do barrio do Mosteiro, que dará servizo a catro vivendas e , nunha segunda fase, extenderase ata conectar co barrio da Trapa.
O alcalde reiterou o seu “compromiso coa execución do saneamento integral en Budiño, e en cada unha das parroquias do termo municipal”. Neste sentido, Alejandro Lorenzo lembrou que “vimos de dotar de crédito a redacción dos proxectos pendentes de saneamento no municipio, para adiantarnos e axilizar na medida do posible a súa futura execución”.