O presidente da Deputación informou en rolda de prensa da aprobación do proxecto “Erasmus+ 2023” que a institución provincial presentou á convocatoria de propostas do programa europeo de mobilidade. O mesmo ten o obxectivo de completar a formación do alumnado de Formación Profesional con prácticas laborais en empresas e institucións situadas en países da Unión Europea.
Así, Luis López sinalou que “o futuro da xuventude preocúpanos moito” e puxo en valor que, grazas a este programa da institución provincial, “imos promover a mellora das perspectivas laborais da nosa mocidade”.
Prácticas de 6 meses en países da UE
A Deputación de Pontevedra investirá neste proxecto un total de 1,4 millóns de euros, dos que “o SEPIE, que é quen desenvolve e xestiona o programa Erasmus+ en España, nos concedeu unha axuda de 1,2 millóns de €”, informou o presidente provincial, que tamén sinalou que “achegamos outros 20.000 euros de fondos propios”.
Así, estes recursos permitirán que 90 alumnos e alumnas de FP traballen 6 meses no estranxeiro e sufragar outras 10 mobilidades de aprendizaxe por observación de docentes e persoal de FP (de arredor dunha semana) e mais unha visita preparatoria. Deste xeito, realizarán as estadías en empresas e institucións de países como Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Malta ou Portugal, así como calquera outro que estea incluído no Erasmus+.
Erasmus+ 2023
O programa “Erasmus+ 2023” terá unha duración de 15 meses, ata finais do verán de 2024, pero poderíase estender ata finais de maio de 2025. Para a xestión desta iniciativa a Deputación de Pontevedra ten un consorcio de mobilidade formado por 40 centros de 24 concellos da provincia que poden ofrecer ao seu alumnado a posibilidade de realizar estes períodos de prácticas no estranxeiro.
Despois de que os centros seleccionen os alumnos, a Deputación é a encargada das xestións relativas ás mobilidades, facéndose cargo dos trámites relativos á busca de empresas de acollida, á tramitación das bolsas ou á contratación dos seguros.