O Bloque Nacionalista Galego asegura que “o Goberno de Abel Caballero mentiu sobre as cartas de interese remitidas a promotoras para a contratación de concertos”. Así o confirmou este venres o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, tras examinar a documentación solicitada polas “evidencias de irregularidades co patrocinio publicitario da actuación de Guns N’ Roses”.
Nada que ver con outros concertos
Igrexas acusou o Goberno municipal de mentir “de maneira flagrante e deliberada” cando manifestou, por voz do voceiro socialista Carlos López Font, que o documento enviado á promotora de Guns N’ Roses era similar ao do resto de concertos. “Pero nada ten a ver o contido destas cartas, que eran respostas a propostas ou orzamentos previamente remitidos para a contratación directa, co acordo previo coa banda estadounidense”, censurou.
21 cartas
Nese sentido, o portavoz do BNG desvelou que o Concello enviou un total de 21 cartas de interese (sen contar a de Guns N’ Roses) dende xaneiro de 2022, das cales 20 corresponden a concertos do ano pasado e só unha deste curso para a actuación de David Guetta. “Todas as cartas responden a un mesmo modelo de texto xenérico, onde se trasladaba a disposición do Concello de contratar e na que se demandaba que se achegara algunha documentación para acreditar a exclusividade na representación das e dos artistas”, explicou.
Estes documentos, a xuízo do Bloque, non se corresponden coa carta de interese remitida en outubro de 2022 á promotora de Guns N’ Roses de maneira “absolutamente opaca, sen incorporar aos expediente municipais e contrariando o criterio da propia Asesoría Xurídica do Concello, para comprometer case 2 millóns de euros de diñeiro público como achega económica”.
Mentiras “reiteradas e descaradas”
Á vista destes feitos, “é claro que o portavoz do Goberno municipal, actuando como emisario de Abel Caballero, mentiu reiterada e descaradamente as viguesas e vigueses cando dixo primeiro que a carta de Guns N’ Roses era xenérica, despois que non contiña compromisos concretos, e por último que se trataba dunha carta tipo parecida a outras moitas enviadas para a programación das festas”, denunciou o portavoz do BNG.
Que o alcalde “dea a cara”
Por estes motivos, dende a fronte nacionalista esixiron, máis unha vez, que o alcalde dea a cara sobre este asunto como máximo responsábel do Goberno municipal. “Abel Caballero ten que deixar de esconderse e darlle dunha vez explicacións as viguesas e vigueses”. O primeiro paso, entenden dende o BNG, é informar sobre os “motivos para manter no cargo como voceiro a alguén que mentiu deliberadamente á cidade, a non ser que mentise por instrución súa”.