O Concello de Nigrán consagra este ano o festival Chandefolk a Susana Seivane, ilustre gaiteira galega e auténtica lenda viva deste instrumento. A cita será este luns 14 de agosto ás 22:00 horas en Chandebrito (merendeiro de Chans de Rapadouro, ao carón do campo de fútbol).
“A presencia de Susana Seivane situa definitivamente ao Chandefolk como un dos mellores festivais de folk de Galicia, estamos falando dunha das grandes estrelas da música galega que se suma aos protagonistas das anteriores edicións: Xulio Lorenzo, Roi Casal, Milladoiro, Budiño e Xavier Díaz”, explica o alcalde, Juan González, quen indica que Chandefolk naceu para promover Chandebrito como unha das parroquias con máis atractivos de Nigrán, “por iso o festival non se limita a un concerto e inclúe outras actividades”.
Susana estará acompañada no escenario por un elenco de músicos de talento, Miguel González ao saxo; Rubén Deschamps á guitarra e mandolina; Carlos Freire á batería e percusión tradicional e Iago Rodríguez ao baixo eléctrico. Con eles consegue un espectáculo gran fresco, dinámico e orixinal que mantén a diversión do público dende os primeiros compases ata o último bis porque xuntos conquiren unha mestura áxil e moderna que afonda a súa raizame no máis profundo da tradición galega, deixando arrolar a súa ramaxe nos ventos dos novos tempos.