A sección sindical do Concello de Vigo vén de denunciar que desde as 22:00h de onte até as 09:00 horas de hoxe só houbo 4 bombeiros no parque de Coruxo, cando tiña que haber 6; que, este xoves, entre as 09:00 e as 11:00h só houbo 2 e ningún condutor e que entre as 11:00 e as 22:00 horas volve haber, novamente, 4 bombeiros, “incumpríndose así o aprobado pola corporación municipal”.
“Na práctica-sinalan os profesionais- o parque estivo e está inoperativo”. Perante estas circunstancias consideran que o parque debería de estar pechado pola propia seguridade dos bombeiros e dos cidadáns, como xa ten acontecido con anterioridade.
Unha situación “crónica”
Non é a primeira vez que se denuncia unha situación semellante xa que, por falta de persoal, o parque ten mesmo permanecido pechado en anteriores ocasións – a última fai só 4 días-, o que a sección sindical da CIG atribúe ao “desleixo e falta de responsabilidade por parte do goberno municipal en procurar unha solución a un problema crónico”.
Neste sentido, denuncia que a Corporación “está a incumprir os mínimos por ela mesma aprobados para garantir de forma mínima a seguridade da cidadanía, a que se pon en serio risco ao aumentaren considerabelmente os tempos de resposta perante un posible sinistro”.
Dotación de persoal
Xunto a isto lembra que as ofertas de emprego para dotar dos bombeiros necesarios o servizo, dos anos 2020-2021-2022- están sen executar e que a de 2023 “que podería estar xa en marcha está paralizada”. Por se isto fora pouco explican que tamén as bases das oposicións están paralizadas no departamento de Recursos Humanos desde o 30 de xuño do 2022.
Así as cousas, a sección sindical da CIG do concello de Vigo reclama do goberno municipal e do seu máximo representante “que utilicen dunha forma áxil a súa maioría absoluta para resolver dunha vez este problema crónico no Servizo de bombeiros de Vigo, tratando coa madurez suficiente este asunto, poñéndoo de forma prioritaria nunha axenda municipal ateigada de eventos con moito glamour e festividade“.
Nesta mesma liña, diferentes profesionais lamentan o uso ‘autopublicitario’ que vén de facer o alcalde da incorporación da primeira muller ao Corpo de Bombeiros da cidade. “Tenta tapar cunha foto a seu total desinterese pola situación real do servizo, algo que xa é habitual, cando pon en marcha a súa máquina de propaganda pagada por todas e todos os cidadáns”.