O Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde á ampliación do prazo para executar as obras que a institución provincial está a realizar na estrada do Vao (EP-2003), en Vigo. O vicepresidente da institución provincial, Rafa Domínguez, informou de que “esta actuación é de vital importancia para este goberno xa que nos preocupa moito o mantemento en óptimas condicións das nosas infraestruturas viarias”. Na actualidade os traballos están moi avanzados, e coa aprobación da ampliación do prazo de execución estarán rematados en cinco meses, un mes máis dos catro previstos en inicio.
1,6 quilómetros
“As obras de mellora das interseccións e acondicionamento na contorna da estrada do Vao suporán a transformación integral desta infraestrutura provincial en termos de sostibilidade e seguridade”. Así, a Deputación dedica 256.000 euros á actuación, que afecta o total do trazado da vía, de 1,6 quilómetros de lonxitude. En concreto, as obras consistirán na mellora da accesibilidade peonil e a seguridade viaria da estrada.
Ademais, redistribúese o espazo para garantir a prioridade peonil; mellórase o pavimento das beirarrúas; adecúanse as interseccións con outras vías mediante pavimento táctil, e tamén as interseccións con elementos singulares como a fonte e o lavadoiro presentes ao longo do seu trazado. As obras tamén inclúen a creación de novas zonas de descanso, que se dotan de novo mobiliario e a plantación de árbores de sombra como cereixos en flor ou similares.
Pasos peonís
Na estrada do Vao tamén se están a executar novos pasos peonís para asegurar a plena continuidade e seguridade na estrada, e mellórase a capacidade e accesibilidade do espazo peonil próximo aos servizos da zona (como a Oficina Municipal do Distrito, os comercios, o Colexio Divino Salvador ou o centro de saúde, entre outros). Do mesmo xeito, renóvanse os rasantes e os pavimentos, execútanse alcorques transitables; píntanse as columnas de alumeado público; retranquéanse os postes, mellórase a regulación dos semáforos e renovarase a sinalización para adaptala á nova ordenación da estrada.