A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar 105 das preto de 300 prazas gratuítas do programa “En Ruta coa Depo”, que a institución provincial ofrece ás entidades da provincia para pasar un día de convivencia en lugares emblemáticos da provincia a través de 33 rutas temáticas.
Máis de 20.000 persoas
Como explicou o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, este ano serán case 20.300 persoas de 374 asociacións as que percorrerán a provincia con este programa. Todas as prazas de “En ruta coa Depo”, que conta cun orzamento de preto de 480.000 euros, están subvencionadas pola Deputación, e 300 fináncianse ao 100% “para que as persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social poidan gozar tamén da participación no programa”, sinalou Domínguez.
Rutas marítimas
Entre as rutas ofertadas, as marítimas foron as que tiveron máis demanda, como a ruta da cultura mariñeira que permite visitar o Mosteiro de Poio, a illa de Tambo e o núcleo de Combarro; a ruta que transcorre pola illa da Toxa, o Museo Salgadeiras de Moreiras no Grove e a ría de Arousa nun paseo en barco; ou tamén a que percorre as illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés.