Redondela celebra este sábado 19 de agosto o seu 24º Entroido de Verán. As actividades no recinto do Campo da Feira comezarán ás 20.00 horas coa sesión DJ a cargo de Carlos González e Borja Rúa. Ás 21.30 arrancará a xa tradicional Gala Drag con Cristian de Samil como mestre de cerimonias e que repartirá 1.800 euros en premios.
Concertos
Rematada a gala comezarán os concertos. Os primeiros en subir ao escenario ás 23.00 horas serán os integrantes da banda A Quinkillada. Logo actuará o artista galego Ortiga e por último o canario Dasoul. O DJ redondelán Rodri Vegas será o encargado de pechar a festa.
Actividades para público infantil
O programa volve apostar polas actividades dedicadas aos máis pequenos. O Entroido de Verán ofrecerá xogos e espectáculos para toda a familia en diferentes localizacións no centro da vila. A pista da Xunqueira e a praza de Ponteareas acollerán inchables con auga e na pista da Petanca o grupo Animar-T fará bailar a grandes e pequenos co espectáculo “A bailar”.
Pola súa banda, a praza da Torre acollerá un touro mecánico e o inchable “Eliminator”, mentres que na praza de Lenda haberá pistas inchables de fútbol e baloncesto. As actividades infantís rematará ás 21.30 coa Festa da Escuma na pista da Xunqueira.
Liñas de transporte
Como en anos anteriores o transporte público reforzarase con liñas especiais de ida e volta a Redondela desde Vigo, Pontevedra e O Porriño. Os autobuses sairán con destino a Redondela desde diferentes puntos a partir das 18.00 horas, e haberá transporte de volta ata as 06.00 horas.