O cirurxián da Unidade de Coloproctoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), Vincenzo Vigorita, ven de recibir o primeiro premio á mellor publicación científica no Congreso nacional da especialidade, por un estudo que amosa os beneficios dunha correcta preparación previa á cirurxía colorrectal dos pacientes con Enfermidade Inflamatoria Intestinal (EII). O artigo fóra publicado na Journal of Crohn’s and Colitis, unha das máis prestixiosas revistas internacionais sobre as Enfermidades Inflamatorias Intestinais.
Trátase dunha revisión sistemática, realizada xunto con outro cirurxián da Unidade, o doutor Oscar Cano, e cun grupo de expertos internacionales, sobre o uso das medidas de rehabilitación multimodais perioperatorias en pacientes con estas patoloxías.
Mellores resultados postoperatorios
Desde hai uns anos, a introdución das medidas multimodais de recuperación rápida en varias subespecialidades cirúrxicas (coloproctoloxía, cirurxía esófago- gástrica e bariatrica ou a hepatobiliopancreática) ten levado a uns mellores resultados postoperatorios, tanto no referido ás estadías hospitalarias, ás complicacións e infeccións, así como a unha mellor e máis rápida recuperación do paciente tras a súa intervención.
Estas medidas baséanse na preparación do paciente antes, durante e despois da intervención. No preoperatorio, mediante exercicios de fisioterapia física e respiratoria, ou mellorando o seu estado nutricional e a súa anemia (en caso de presentala). Tamén son subliñables a adopción de medidas intraoperatorias como o mantemento dunha axeitada temperatura intraoperatoria, a restrición hídrica, adecuada profilaxe das náuseas, etcétera; e post-operatorias, como a reintrodución rápida da alimentación e a mobilización precoz así como a medición de parámetros de infección, entre outras.
Segundo explica o doutor Vigorita “estas medidas tense introducido con éxito desde hai tempo en pacientes cirúrxicos. Sen embargo, os pacientes con EII son máis complexos e máis fráxiles debido á súa enfermidade, que altera o sistema inmune ata tal punto que o mesmo ataca as células do seu propio organismo intestinal. Por tal razón, moitas veces presentan desnutrición e teñen que utilizar fármacos como corticoides, inmunomoduladores ou os denominados axentes biolóxicos, para manter en fase quiescente a enfermidade, pero que debilitan máis as súas defensas. Cando estos fármacos non funcionan pode ser necesaria a cirurxía e por isto a optimización pode ser clave nos resultados cirúrxicos”.
214 artigos revisados
Por este motivo, o grupo de expertos liderado polo doutor Vigorita realizou unha revisión de todos os artigos sobre EII da literatura científica mundial que especificaran algo sobre os seus protocolos de optimización perioperatorios.
Dos 214 artigos revisados, tan solo 16 presentaban medidas de optimización previas á cirurxía nos seus protocolos de tratamento cirúrxico. A medida común en todos eles foi a mobilización precoz. Ningún deles menciona a optimización da terapia con corticoides e dos fármacos biolóxicos ou inmunomoduladores. Solo 2 artigos realizaban unha valoración postoperatoria aos seus pacientes por un equipo profesional específico de EII, e solo 4 estudos realizaban a optimización da anemia preoperatoria.
Protocolo específico para os pacientes con EII
“Posto que está amplamente demostrada a eficacia destas medidas nos resultados postoperatorios dos pacientes en cirurxía colorrectal, por exemplo, a nosa investigación demostra que aínda hai marxe para mellorar eses resultados cunha correcta preparación dos pacientes con Enfermidade Inflamatoria Intestinal”, asegura o doutor Vigorita.
A tal propósito, en colaboración co equipo multidisciplinar de EII do Chuvi e con outros expertos nacionais, vaise deseñar un protocolo que permita mellorar os tratamentos destes pacientes que, debido a súa vulnerabilidade, necesitan medidas específicas.