O presidente da Deputación de Pontevedra asistiu hoxe á reunión preparatoria da próxima mobilidade do programa “Erasmus+ 2022” na que 45 alumnas e alumnos de 16 centros de ensino comezarán prácticas en empresas e entidades de países da Unión Europea (Finlandia, Irlanda, Italia, Malta e Portugal) a partir do 2 de outubro.
Bolsas de estudos
Así, coa súa adhesión ao programa europeo, a institución provincial ofrece ao alumnado de Formación Profesional da provincia, bolsas para completar a súa formación e acompañamento e apoio durante toda a súa estancia no estranxeiro.
Nesta liña, Luis López asegurou que “o futuro da nosa xuventude preocúpanos e por iso imos investir en medidas como o Eramsus+, que “permite á xuventude adquirir unha experiencia profesional que se traduce nun mellor perfil profesional”. O presidente salientou que participar no programa será para eles unha oportunidade “para completar as vosas destrezas e coñecementos”, para “prepararvos para outras situacións na vida” e tamén “un grande impulso que facilitará a transición da vosa etapa de estudantes á inmersión no mercado laboral”.
Un programa que funciona
López garantiu que “malia que haxa momentos nos que vos vexades fisicamente sos, a Deputación sempre vai estar ao voso carón para guiarvos, axudarvos e apoiarvos en todo o necesario para que estes meses sexan unha experiencia positiva”. Así, o presidente provincial lembrou que “este programa funciona e os resultados están aí”, destacando que na última mobilidade “27 estudantes recibiron ofertas para ser contratados nas súas organizacións de acollida e moitas outras atoparon traballo ao pouco de volver”. Por iso, animou as alumnas e alumnos a que “aproveitedes o tempo, tamén para desfrutar, e metades na maleta todos os coñecementos que ides adquirir para poñelos en práctica aquí”, xa que “está ben que pasedes unha temporada fóra, pero queremos ter os mellores na provincia”.
Medios, obrigas, seguridade ou incidencias
A reunión de hoxe, que tivo lugar no Edificio Administrativo da Deputación, serviu para explicar ao alumnado as súas obrigas; medios á súa disposición; medidas de seguridade; posibles incidencias ou modificacións, e tamén aspectos culturais dos seus países de acollida así como recomendacións para a viaxe e estancia no estranxeiro. Ao remate, o alumnado reuniuse particularmente con persoas intermediarias das organizacións nas que realizarán as prácticas para comentar polo miúdo as características das entidades e en que consistirán as súas estadías.
Entre 18 e 25 anos
As 45 persoas, maioritariamente de entre 18 e 25 anos, proceden de 16 centros de ensino situados en 12 concellos: A Estrada (1 persoa do IES Antón Losada Diéguez); Gondomar (4 persoas do IES Plurilingüe Terra de Turonio); A Illa de Arousa (2 persoas do Instituto Galego de Formación en Acuicultura); Marín (4 persoas do IES Chan do Monte); As Neves (3 persoas da E.F.A. A Cancela); Poio (2 persoas do IES de Poio); Pontevedra (5 persoas do IES Luis Seoane); O Porriño (1 persoas do IES Ribeira do Louro); Tomiño (1 persoas do IES Antón Alonso Ríos); Tui (2 persoas do IES Indalecio Pérez Tizón); Vigo (7 persoas do Centro de Artes Plásticas y Diseño Atlántico, 2 persoas do Divino Maestro Fundación Educativa, 4 persoas do IES A Guía, 3 persoas do IES Audiovisual de Vigo e 2 persoas do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico) e Vila de Cruces (2 persoas do IES Marco do Camballón).
Perfís
Entre os perfís profesionais, salientan os graos medio de FP en Actividades comerciais; Procedementos de xoiaría artística; Guía no medio natural e de tempo de lecer ou Xestión administrativa. As súas prácticas durarán entre 3 e 8 meses e recibirán unha axuda económica, segundo o seu país de acollida, que oscila entre os 4.200 € e os 10.300 €. 14 persoas viaxarán a Italia, 11 a Portugal, 5 a Malta, 4 a Finlandia e outras 4 a Irlanda.
“Erasmus+ 2022” está dotado de 800.000 euros (600.000 € achegados polo SEPIE, axencia encargada de coordinar o programa europeo en España) e no seu marco programaranse en total 60 mobilidades de alumnado e outras 5 de profesorado.
Erasmus+ 2023
Ademais, a Deputación aprobou recentemente unha nova edición do programa, “Erasmus+ 2023”, co que mobilizará outros 1,4 millóns de euros (1,2 millóns achegados desde o SEPIE) para organizar outras 90 mobilidades para alumnado e 10 para persoal docente.