Comarcas Vigo al minuto

Porriño rematará este ano deixando a cero a conta das ‘facturas pendentes de pago’ dende 2016

Sumaban 5,5 millóns de euros

Porriño rematará este ano deixando a cero a conta das 'facturas pendentes de pago' dende 2016

Hai pouco máis de ano e medio, cando houbo un cambio no Goberno municipal do Porriño, existían centos de facturas sen aboar, con data de 2016 en adiante, que sumaban un importe de 5,5 millóns de euros. Hoxe, como apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, pendente unicamente de diversas resolucións xudiciais, que auguran serán favorables á administración local, “esta cifra quedará a cero a finais deste 2023”.

“Irregulares”

“A gran maioría destas facturas, como demostramos neste tempo, eran irregulares e sen ningún tipo de contrato. Fomos reducindo a cifra logo das revisións e comprobacións correspondentes”, explica o rexedor. Devolvéronse facturas duplicadas, que xa se pagaran, ou que non se demostraba a veracidade ou os prezos de mercado por importe de case 2 millóns de euros. Ademais, o Concello gañou sentencias xudiciais que denegaron o pago reclamado por empresas de case outro millón máis”, engade.

819.000 euros

A día de hoxe deses 5,5 millóns iniciais quedaban pendentes de pago 819.202,03 euros, correspondentes a 201 facturas. Delas, 115 que suman 231.22,27 euros aboaranse de xeito inmediato a través do expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito que foi aprobado por unanimidade esta mesma mañá en pleno.

Por outra banda, figuran 74 facturas por importe de 410.833,35 euros que quedan excluídas do recoñecemento extraxudicial. Dentro deste apartado están, por unha parte 71 facturas de dúas entidades que se atopan xudicializadas pendente de sentenza firme logo de seren recorridas polas empresas; e por outra, tres facturas sometidas a revisión de oficio e ditaminadas polo Consello Consultivo.

Por último, nun terceiro apartado atópanse 12 facturas presentadas en 2021 por servicios de limpeza viaria e lavado de colectores realizados nos ano 2019 e 2020, cuxo importes suman 177.143,41 euros, que se devolven e se dan de baixa na contabilidade municipal (conta 413) ao non demostrarse a súa veracidade.

O PSOE vota a favor

“Curiosamente, o grupo municipal do PSOE apoiou no Pleno de hoxe esa devolución, cando foron eles os que encargaron, recepcionaron e conformaron para o seu pago esas facturas”, puntualiza o alcalde. Tamén o BNG votou a favor da aprobación da proposta levada a pleno polo goberno municipal.

También te puede interesar