O presidenteda Deputación adiantou hoxe os resultados da avaliación interna das contas do organismo provincial. Segundo indicou Luis López, os memos sacan á luz a “xestión descontrolada dos cartos de todos os pontevedreses” realizada neste último ano polo anterior goberno e a “situación preocupante” das arcas públicas da institución.
Maís gasto en ano electoral
López subliñou que “en ano electoral o gasto acometido ou comprometido polo anterior goberno foi superior ao habitual”. Coa auditoría de contas, explicou o presidente, “queríamos dar a coñecer, con transparencia, o estado real das contas e das partidas orzamentarias da institución provincial nun ano marcado pola convocatoria das eleccións municipais”, así como “saber de que marxe orzamentario dispoñemos para atender as necesidades da provincia de aquí ata que entren en vigor os novos Orzamentos”. Neste eido, Luis López adiantou que o seu equipo está a preparar xa os Orzamentos da Deputación cara o exercicio 2024 para “contar cun escenario financeiro máis estable”.
“Só un 6,5% de partidas para investimentos”
En liñas xerais, sinalou o presidente en rolda de prensa, a data 30 de agosto a Deputación conta con só o 6,5% das partidas reservadas para apoiar os investimentos noutros concellos, así como asociacións e terceiros, que, “a estas alturas, no 2021, era case do dobre”.
En canto a partidas consignadas a investimentos da propia Deputación, queda en caixa un 33% do orzamento, 11 puntos menos que fai dous anos. Ademais, o goberno provincial dispón dun 9,75% dos fondos de gasto correntedestinados a transferir aos concellos e ás entidades, 3,4 puntos menos que a estas alturas o pasado ano, e dun 17,5% das partidas de gasto corrente reservadas para financiar o funcionamento da propia Deputación.
“Escenario preocupante”
Polo que se refire a partidas e servizos concretos o presidente afirmou que “unha vez abertos os caixóns encontrámonos tamén cun escenario preocupante”. Así, informou de que está comprometido todo o crédito en Cooperación destinado a subvencións correntes e investimentos; ao igual que en Cultura (dos fondos destinados a subvencionar actividades soamente quedan 96.000 euros de 1,8 millóns de euros); Deportes (queda dispoñible o 4,99% do orzamento para axudas a clubs, asociacións e actividades deportivas: 258.000 euros de 5,1 millóns de euros) ou en Turismo, “onde soamente quedan dispoñibles 80.000 euros para actividades de promoción turística” (o 5,4% dos fondos).
Asi mesmo, concluiu López, en Cohesión Social a porcentaxe de orzamento dispoñible para subvencións para gastos correntes é do 5,71% e en Infraestruturas do 4,8% para gasto corrente (de 10,2 millóns de euros soamente quedan 493.000 euros). Pola súa banda, para o gasto e a promoción cultural Castelo de Soutomaior apenas quedan 88.000 euros (o 14,1%).