A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana 24 saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial.
Preto de 1.300 persoas
Entidades dos concellos da Estrada; Redondela; Cerdedo-Cotobade; Nigrán; Marín; Mos; O Grove; Salceda de Caselas; Vigo; Lalín; Vilaboa; Ponte Caldelas; Vilagarcía de Arousa; Pontevedra e da Guarda mobilizarán un total de 1.279 persoas (ata 54 por entidade). Todas elas poderán coñecer lugares emblemáticos da provincia como a ría de Arousa; as illas de Ons e Cíes; o monte Aloia en Tui; o conxunto histórico de Cambados ou a Casa da Navegación de Baiona, entre outros.
De martes a venres
O martes 5 de setembro a Asociación Coral Rosalía de Castro de Vilagarcía de Arousa fará un percorrido polo castro de Santa Trega, na Guarda, o conxunto histórico de Tui; o Monte Aloia e o Alto dos Cubos, mentres que as Escravas da Virxe Dolorosa de Mos farán o mércores 6 de setembro a ruta da cultura mariñeira polo Mosteiro de Poio, a Illa
de Tambo e Combarro.
A Asociación de Veciños de Alvedosa, de Redondela, sairá o xoves 7 cara a Cambados para facer a ruta que inclúe a visita ao seu conxunto histórico;ao Museo Etnográfico e do Viño; ás ruínas de Santa Mariña Dozo; o Pazo de Fefiñáns e o Museo do Muíño de Mareas da Seca.
O venres 8 a Asociación de Mulleres Rurais Adro Vello do Grove percorrerá o conxunto histórico de Baiona; a Casa da Navegación e os paseos de Monte Boi e marítimo, e a Asociación de Mulleres Lúa de Bembrive (Vigo) visitará a Illa da Toxa e o Museo Salgadeiras de Moreiras no Grove.
Sábado e domingo
O sábado 9, un total de 11 entidades da provincia sairán con “En Ruta coa Depo”. A Asociación para o Crecemento e Orientación en Familia da Estrada e a Asociación de Veciños La Camoesa da Parroquia de Camos, de Nigrán, sairán cara a Ons e o barrio de Portonovo (Sanxenxo). A Asociación de Enfermos de Artrite de Redondela e a Asociación de Mulleres O Abeiro de Marín visitarán a Illa de Tambo, Combarro e o mosteiro de Poio.
Cara ás Illas Cíes e ao barrio do Berbés dirixiranse tres entidades: a Asociación de Veciños e Amigos Santiago de Caroi de Cerdedo-Cotobade; Medrar 2.0 de Lalín e a Asociación Cultural Cobres de Vilaboa.
A Asociación de Veciñas e Veciños da parroquia de Orazo (A Estrada) fará un percorrido polo santuario de Santa María da Franqueira da Cañiza; o Centro de Interpretación da Cera de Covelo e o Museo do Viño de Salvaterra de Miño.
Por último, a Asociación de Veciños San Tomé de Parderrubias de Salceda de Caselas e a Asociación de Veciños de San Pedro de Matamá A Unión de Vigo farán a ruta mariñeira pola ría de Arousa.
O domingo 10 participarán no programa da Deputación outras dez entidades. O Círculo Artístico Deportivo Gato Negro de Vilagarcía de Arousa; a ANPA Os Valados do CEIP Vilaverde de Pontevedra e a Sociedade Os Amigos de
Camposancos da Guarda visitarán a Illa de Ons e Portonovo.
O percorrido pola ría de Arousa, a Illa de Toxa e o Museo Salgadeiras de Moreiras do Grove farano a Asociación
da 3ª Idade Quiñones de León de Vigo e a Asociación Cultural e Artística Os Contentos de Ponte Caldelas, mentres que a Asociación de Veciños Santo Paio de San Pedro de Campañó (Pontevedra) e a Asociación Cultural Xeada (Vilagarcía de Arousa) visitarán as Illas Cíes e o barrio do Berbés de Vigo.
Finalmente, a Agrupación Cultural Xunco (Salceda de Caselas) e a Asociación de Mulleres de Vilaboa visitarán o Mosteiro de Poio, a Illa de Tambo e Combarro.
33 rutas e máis de 20.000 persoas
“En Ruta coa Depo” ten coma obxectivo fomentar a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia.
Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas ao 100% co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.