Comarcas Vigo al minuto

A Deputación de Pontevedra destina 2,5 millóns á dixitalización de 51 concellos

Todos eles teñen menos de 20.000 habitantes

A Deputación destinará 7,5 millóns a Vigo nos orzamentos de 2024

O Goberno da Deputación de Pontevedra asinou este venres un convenio por valor de 2,5 millóns de euros ao que se unirán 51 concellos de menos de 20.000 habitantes para recibir fondos que destinarán á dixitalización da administración local.

Luis López, presidente do organismo provincial, amosouse moi satisfeito por sacar adiante unha iniciativa deste tipo porque está convencido de que “é fundamental que a administración electrónica chegue a todos os recunchos da provincia”.

Transparencia

O convenio está dividido en cinco liñas diferentes. A primeira, dotada con 225.000 euros destinarase a fomentar a transparencia, cun portal no que a cidadanía pode consultar datos orzamentarios. Ademais incorpora unha comunicación bidireccional entre a veciñanza e a Administración a través da implementación dun caixón de suxerencias e de notificación de incidencias.

Retransmisión en directo dos plenos

En segundo lugar, reservar un orzamento de 600.000 euros, que se destinarán á financiación de sistemas de retransmisión en directo dos Plenos e de creación automática de videoactas. Unha medida que contribúe tamén á transparencia e a achegar o funcionamento da administración á cidadanía.

Coidado do medio ambiente

A terceira liña, cun valor de 100.000 euros, servirá para potenciar o coidado do medio ambiente nestes municipios a través dunha plataforma no que consultar e analizar o grao de cumprimento dos distintos obxectivos de
desenvolvemento sostible marcados pola Unión Europea.

Equipos informáticos e teletraballo

A cuarta, de 1 millón de euros, é a que suscita un maior interese por parte dos concellos da provincia. Destinarase á renovación e adquisición de equipos informáticos, así como para a implementación do teletraballo.

Carpeta cidadá

Finalmente, a derradeira liña de actuación ten unha cuantía de 500.000 euros é que consiste no desenvolvemento dunha carpeta cidadá na que a veciñanza poderá facer diversos trámites administrativos desde a súa casa e almacenalos nese repositorio para futuras consultas.

También te puede interesar