O Concello do Porriño informa de que esta fin de semana -9 sábado e 10 de setembro, domingo- para facilitar os desprazamentos ao Negrita Music Festival, activaranse servizos especiais de autobús entre O Porriño e Vigo.
Vigo-Porriño ida e volta
Así, os usuarios contarán con servizos de ida e volta. Reforzaranse os servizos Vigo- O Porriño a partir das 15:00h. nas expedicións actuais cun autobús a maiores en cada unha. A saída será dende a estación intermodal de Vigo.
No caso do traxecto de volta, Porriño-Vigo, a demanda prevese a partir das 00:00h., polo que se dispoñerá un autobús para completar o traxecto dende a Avenida de Galicia no Porriño ata a Praza de España en Vigo ás 00:00h, 01:00h, 02:00h e 03:00h.
Estes servizos especiais actívanse para facilitar mellores alternativas de viaxe en transporte público, de xeito que se reduzan os riscos da condución noturna despois de xornadas de lecer e se diminúa o tráfico.
Os menores de 21 anos poderán viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova, ao igual que fan en todos os autobuses da Xunta e os demais usuarios do transporte público poderán beneficiarse dos descontos da tarxeta TMG.