O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este martes en Sanxenxo os datos de turismo da campaña de verán. Segundo salientou, os mesmos sitúan á provincia como unha potencia turística de primeira orde.
Cambios no Observatorio de Turismo Rías Baixas
Este balance non só serviu para poñer o punto e final á tempada turística, tamén marca un novo comezo para o Observatorio de Turismo Rías Baixas, que emprende un novo camiño cara unha maior transparencia, rigorosidade e interlocución co sector. “En adiante, os datos que se facilitarán desde o Observatorio combinarán a seriedade e a
oficialidade do Instituto Nacional de Estatística co coñecemento no terreo do sector. Neste novo comezo turismo, Deputación e sector imos camiñar da man”, declarou o presidente.
Ocupación
Así, no que atangue á ocupación das prazas hoteleiras en agosto esta chegou ao 86,5 %, medio punto máis que o mes de agosto do 2022 (85,9 %). Lideran este crecemento as comarcas de Pontevedra e Caldas.
Asi mesmo, e demanda nos albergues tamén experimentou un “destacado crecemento”, cunha ocupación media do 85,5% no conxunto da provincia fronte ao 83,4 % do mes de agosto do ano anterior. Un atractivo que é común a todas as comarcas da provincia, pero que sobresae no zona do Baixo Miño, que pasou do 74,4 % de agosto do 2022 ao 88,9 % de ocupación no pasado mes.
Doutra banda, os cámpings e casas de turismo rural superaron o 85 % no conxunto da provincia, mentres que no caso das vivendas turísticas chegaron ata o 93 %. “Somos potencia en turismo rural, na rede de albergues, nos cámpings e en vivendas turísticas”, remarcou Luis López, quen estivo acompañado no Real Club Náutico de
Sanxenxo pola deputada de Turismo, Nava Castro.
Máis peregrinos
Neste sentido, López quixo remarcar tamén o crecemento no número de peregrinos que se deciden a completar algunha das variantes do Camiño de Santiago que discorren pola provincia. “Cada vez son máis os que elixen o Camiño Portugués da Costa, que medrou un 22 % respecto ao ano 2022”, destacou o dirixente, que desvelou
tamén que no que vai de ano son máis de 112.000 os peregrinos que camiñaron cara Compostela pola nosa provincia.
Asi son os nosos visitantes
Rematou o presidente provincial o repaso dos datos de turismo: co retrato robot do perfil de visitante que escolle a provincia como destino vacacional. “Temos un turista principalmente nacional (83%), de entre 35 e 60 anos (55%), que se queda entre 7 e 15 días de media e que, na súa gran maioría, non nos coñecía de antes (76%)”, definiu. Nesta liña Luis López destacou tamén as boas cifras de visitantes que seguen a ter os castelos de Soutomaior-máis de 8.000- e Sobroso- 1.800- o mes pasado.
Destinos intelixentes
O presidente da Deputación aproveitou a súa comparecencia para avanzar un novo proxecto: a creación dunha rede de destinos intelixentes que enviarán en tempo real os datos de ocupación ao novo Observatorio de Turismo Rías Baixas.
“O estudo destes datos servirá non só para comunicar dunha maneira fidedigna os datos de visitantes. Tamén para deseñar plans e accións concretas que permitan seguir crecendo e mellorando estas cifras dun xeito controlado e planificado”, explicou.
“Pontevedra é desfrutar”
…rematou Luis López referíndose a que a provincia é un destino para gozar os 365 días do ano. “No me estou a cinguir ao sol e á praia, falo do sol, a praia, a costa, a montaña, o rural, a gastronomía, o viño. Non falo dun momento, falo dun recordo imborrable. Non me estou a referir a unha casualidade, falo dun traballo planificado, intenso e moi ben executado por parte do sector. Falo do que somos, de como nos damos a coñecer e do moito que aínda podemos lograr”,