Covelo acolle este sábado día 16 o VII Trofeo Cruceiro no que competirán máis de 150 patinadoras e patinadores das categorías benxamín, alevín e infantil. Así, clubs de toda Galicia e deportistas autonómicos e nacionais medirán as súas forzas nos niveis 1, 2, 3, 4 e 5.
Este VII Trofeo Cruceiro de Covelo supón a oportunidade de gozar do espectáculo deportivo da patinaxe e das e dos mellores patinadores que levan o nome dos seus clubs por competicións e trofeos de toda España. O Club Covelo Patinaxe Artística, organizador do encontro en colaboración co Concello de Covelo, da Xunta de Galicia e da Federación Galega de Patinaxe e co apoio dos seus patrocinadores, convida a todo a cidadanía a asistir e apoiar, así, non só ao club local tamén a todas as/os deportistas.
De 9 a 22 horas
Dende ás 9 da mañá e ata ás 10 da noite, todas as persoas poderán achegarse ao Pavillón Municipal que terá abertas as súas portas para que cada quen se achegue á hora que queira e non perda a ocasión de gozar deste deporte.
Ademáis, o Club Covelo Patinaxe ofrece a oportunidade de aprender este deporte tanto a través das escolas deportivas, con adestramentos unha vez á semana; o preclub con dous días de adestramento semanais ou no club con catro días de prácticas- sendo posible contactar a través do enderezo electrónico [email protected]-.
Neste eido, a adestradora do Covelo de Patinaxe, Antía Pimentel Gil, salienta a importancia do deporte ao longo da vida e, sobre todo, na infancia e na mocidade. Neste sentido salienta que “a patinaxe unha disciplina que se pode aprender a calquera idade axeitando a intensidade a medida de cada persoa”.
“Promover hábitos de vida saúdable e valores vencellados ao deporte”
Pola súa banda, Pablo Castillo, alcalde de Covelo, apunta a importancia que teñen citas deportivas como esta porque, “ademais de dar a coñecer o concello e atraer a centos de familias, promove hábitos de vida saúdable e contribúe na sociedade aportando unha actividade saudable e valores fundamentais vencellados ao deporte”.