A Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS-Coia) remata a súa actividade. Vén de transmitilo nunha nota enviada aos medios de comunicación e difundida na súa páxina web. “A tarefa que iniciamos o setembro de 2007 acaba pasados 16 anos. Uns últimos cursos con menor actividade e forzas, fixeron que pensaramos que o mellor era botar o peche”.
Na información, os seus responsabeis engaden que pechan para “pensar e comezar outras iniciativas”, e lamentan que “os motivos que nos levaron a iniciar a ODS-Coia seguen, por desgraza, moi presentes: veciñas que non chegan a fin de mes, políticas sociais miserentas e que apestan a control social, illamento e soidade, prezos da vivenda elevadísimos, desinformación…”
Visibilizar e denunciar o empobrecemento
Dende a asociación lembran que naceron coa vontade de ofrecer información alternativa sobre axudas sociais, visualizar/denunciar o empobrecemento e “artellar respostas colectivas fronte ao capitalismo. Podemos dicir que os obxectivos foron máis que cumpridos o que non quita que saibamos que diante temos forzas moi poderosas que seguen pulando por cada vez máis anaco do pastel sen lle importar que cada somos máis as privadas duns mínimos para a vida”.
Vivir dignamente é un dereito
“Agradecemos o agarimo de moitas persoas e grupos cos que coincidimos na loita”, sinalan, e amósanse “moi fachendosas dos numerosos actos, manifestacións, xuntanzas, asembleas, charlas… nas que participamos. Lembraremos sempre con agarimo os anos das asembleas dos martes e tamén o lanzamento da “Guía de Axudas Sociais” en 2017. Animar os debates na Galiza sobre como poñer a vida no centro grazas a Renda Básica das iguais tamén é do que sacamos peito. Foron anos de moito sufrimento e carraxe ao ver a moitas compas padecer a violencia institucional e a pobreza, mentres os cartos e recursos de todas desprazábanse cara os de sempre”.
A nota conclúe así: “botamos o peche pero moitas sabedes quen somos e onde atoparnos. Despedímonos cun lema que acompañou moitos actos: “Vivir dignamente é un dereito”.