O alcalde de Covelo vén de informa que este xoves formalizouse a compra dun piso ubicado no edificio das salas multiúsos, que estará destinado á ampliación da Biblioteca Pública Municipal. A operación ascendeu a 42.000€, financiados ao 100% con fondos do Concello, procedentes do remanente de tesourería.
Máis fondos de libros, zonas separadas e novas actividades
Asi, “atendendo á necesidade da veciñanza, mercamos este inmoble que supón un avance na mellora dos servizos públicos. Estes 100 metros cadrados de superficie permitirán ampliar o fondo de libros, ter zonas separadas para os distintos usos que se fan da biblioteca e realizar novas actividades”, explica Pablo Castillo.
Castillo lembra que a biblioteca pública municipal, situada na Travesía de Vigo, presta os seus servizos dende o 13 de outubro de 1998. A mesma dispón de máis de 15.000 volúmenes; un arquivo fotográfico e videográfico de todo o municipio; diversos contidos dixitais e unha hemeroteca. Ademais, conta cun punto de acceso WiFi a internet a disposición do público, totalmente gratuíto, nove ordenadores linux, impresora e escaner.
Horario de inverno
O alcalde engade que para adaptarse ao ritmo das persoas usuarias, dende o luns, día 18, a biblioteca comeza co horario de inverno. Este será de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 19:00h. de luns a venres. Ademais, o último venres de setembro retómase o club de lectura para familias de 18:15 a 20:00 horas.
Aumento de fondos
Pablo Castillo explica que ao longo do ano a biblioteca incrementa os seus fondos coa compra de material, empregando tanto o orzamento destinado polo Concello, como as subvencións solicitadas á Xunta de Galicia (unha para mellora da á colección da biblioteca e outra destinada a novidades editoriais en galego).
Dende a mesma biblioteca realízase unha selección do material acorde coas peticións e necesidades dos veciños e usuarios. Asi, durante todo o ano, admítense suxestións e peticións de material bibliográfico por parte dos usuarios e persoas interesadas en algún tema. Deste xeito, podese mercar en canto é posible.