O Bloque Nacionalista Galego urxe ao Goberno municipal de Vigo a actuar para poñer fin ao “abandono que padece o parque público do Museo Liste e que se ten agravado nas últimas semanas”. Demde o BNG denuncian a falla de mantemento da zona axardinada, con árbores que presentan risco de caída “pola falla de atención municipal”, así como o estado precario da zona de xogos infantil.
Moita afluencia de familias
Neste sentido, o Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou que “o único que fixo o Goberno de Abel Caballero en datas recentes é perimetrar con cinta algunhas das árbores, pero sen realizar ningunha labor de mantemento”.
Asi, Igrexas lembra que o do Museo Liste “é un parque público con moita afluencia de familias e crianzas de pouca idade, ademais dunha das poucas zonas verdes e de esparcemento e convivencia veciñal no barrio do Freixeiro”. Ademais, engade que os veciños están preocupados polo abandono do parque “e transmítennos que están fartos de trasladar queixas a través da web municipal e o 010 sen que ninguén faga nada”.
Garantir o uso seguro do parque
Por iso, o BNG rexistrará unha solicitude demandando que o Goberno municipal “exerza as súas competencias e responsabilidades e garanta o uso seguro do parque”. Seguindo este fío, lembra que hai poucos días unha das pólas de gran tamaño dun exemplar de eucalipto acabou provocando danos sobre un vehículo nunha rúa anexa.