Imaxes: Paula Cermeño/ O festival internacional de cinema freak e fantástico de Vigo vén de publicar a Selección Oficial de curtametraxes que formarán parte da súa sétima edición e que se proxectarán entre o 27 e o 30 de setembro nos Cines Tamberlick da Plaza Elíptica. Curtas que alimentan o maxín, coas que arrepiar e coas que berrar á pantalla “que carallo é isto?”. O obxectivo do Galician Freaky Film Festival continúa a ser provocar nos espectadores de todo menos indiferencia.
Programa
O programa completo está dispoñible na web do certame e inclúe 45 curtametraxes de 23 países diferentes divididas en oito bloques segundo a temática: “Alimento para o maxín”, “Arrepío”, “Ciencia ficción”, Co cu torcido”, “Humor freak” e “Que carallo é isto”.
Curtas
As curtas foron seleccionadas entre os traballos inscritos na convocatoria e unha exhaustiva procura polos festivais e produtoras de xénero máis relevantes do mundo. Así, o resultado é unha escolma do mellor do cinema freak e fantástico estreado dentro e fóra de Europa durante o último ano, na que 32 dos traballos non foron nunca antes proxectados en Galicia e 12 son tamén estreas en España. Unha proba máis da singularidade da mostra que poderemos ver a próxima semana na Praza Elíptica.
Presenza de filmes galegos
Na Selección Oficial non podían faltar os títulos e profesionais galegos. Fernando Tato e Lucía Estévez estarán presentando Compañeiros e O Neno Sardiña, respectivamente. Tamén poderemos ver Sandwich Cat, premiada curta do animador David Fidalgo Omil e Caraoscura, con guión do coruñés Javier Trigales. Ademais de facer sempre un oco ás producións galegas, o GFFF leva desde o seus incios subtitulando en cada edición ducias de curtametraxes internacionais á nosa lingua.
A animación, protagonista da Selección Oficial
Nesta sétima edición, na que o GFFF homenaxea o anime xaponés Akira, as pezas de animación manteñen o seu absoluto protagonismo na Selección Oficial. Unha técnica pola que o festival leva apostando todos estes anos e que se ve reforzada este ano ao considerarse un medio moi versátil, capaz de achegar historias oníricas, violentas e políticamente incorrectas que en acción real serían case imposibles de producir ou desfrutar.
Algúns dos filmes máis impactantes da sétima edición
Cut de Son Min-zun. Cut ten todos os ingredientes que esperas dun filme coreano. Descolocarate de principio a fin. Está no bloque ARREPÍO.
La machine d’alex, de Mael Le Mée. Os seguidores de David Cronenberg atoparanse moi cómodos neste filme. Unha oda á nova carne, onde o mecánico e o visceral mistúranse nunha obra coidada ao milímetro. Está no bloque: CIENCIA FICCIÓN:OUTROS MUNDOS.
Tank Fairy de Erich Rettstadt. Está no bloque QUE CARALLO É ISTO?! Vol. 2. A fada das bombonas de butano conquistará o teu corazón como xa o fixo en festivais como o Fantasia de Canadá, o SXSW ou o NIFFF. E é que esta peculiar madriña seducirate a golpe de descaro, tacóns altos, temazos e tubos de purpurina.
Claudio’s Song. Dentro do bloque CO CU TORCIDO atopamos esta curta do director Andreas Nilsson. O secuestro dun influencer rematará de forma moi inesperada para todas as partes. Un final digno deste bloque.
Gnomes. Se algo non pode faltar cada ano no festival é unha curta con máis litros de sangue e vísceras das que pode albergar un corpo humano. A curta de Ruwan Heggelman é de esas que tes que saber ao que vas: a escachar da risa. Se odias saír a correr, de cando en vez comes fungos e encántate a casquería esta é túa curta.
Vigo, capital do frikismo
O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Un festival que amosa unha coidada selección nacional e internacional de pezas audiovisuais que adoitan verse privadas das canles habituais de distribución. Pezas moitas veces inéditas en Galicia, con estreas mundiais, internacionais e nacionais.
O GFFF ten todos os ingredientes para convertir a Vigo na cidade de peregrinación freak, onde o seu exército poderá volver a gozar do festival, unha experiencia que vai alén do cinematográfico para converterse nunha experiencia de comunidade.