O Porriño acollerá este venres 22 de setembro unha nova edición dun dos eventos musicais estrela das Festas do Cristo: o Louro Valley Festival.
Unha vez máis, o festival chega cun cartel de luxo encabezado polo DJ e produtor, Juan Magán. Xunto a él os locais Groove Amigos, Traffic House, Samu Pexe, Pitty e Khris Guez. Tamén B2B, Marcos Gramola DJ Mus, Raper e BROKKT… algúns deles impartiron hoxe unhas clases de DJ a máis de cen escolares.
Unha presentadora de 98 anos
O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polos djs locais que participarán e polos nenos e nenas, desvelou hoxe outro dos grandes protagonistas da noite. Trátase da madriña do evento, a porriñesa Juana da Cruz, que aos seus 98 anos será a encargada de presentar a actuación de Juan Magán.
“Para min, e para todo O Porriño, é unha verdadeira honra que Juaniña participe deste evento e sexa quen suba ao escenario a presentar un dos actos estrela da programación das festas do noso pobo”, apuntou Lorenzo, puntualizando que “Juaniña disfrutou moito do Negrita Music Festival e agardo que este sexa para ela aínda máis especial”.
O Louro Valley desenvolverase no recinto da rúa Progreso e a entrada é gratuíta. As portas abriranse ás 20:30 h e o concerto de Juan Magán dará comezo ás 00.30 h.