Este martes, cinco transatlánticos atracarán no porto de Vigo con 15.000 turistas a bordo. Para Ecoloxistas en Acción, se ben é certo que “supón un récord histórico nunca visto na nosa cidade”, tamén significa “o despregamento a gran escala dun turismo insostible e fortemente agresivo co medio ambiente“.
Dende a asociación, apuntan a que, este año, no porto de Vigo se superarán as 100 escalas e os 250.000 pasaxeiros, desbordando os datos dos últimos anos que mediaban 160.000 pasaxeiros e unhas 75 escalas anuais. Con todo, Ecoloxistas en Acción Rías Baixas considera “precupante” este incremento da actividade de cruceiros “por ser incompatible coa protección da saúde e o medio ambiente ao tratarse dun turismo de altas emisións contaminantes (de óxido de xofre -SOx-, óxidos de nitróxeno -NOx- e Partículas ultrafinas)”. Tamén por ser unha actividade extractivista polo uso intensivo de recursos naturais como a auga e unha explotación industrial que causa enormes impactos sobre as poboacións destinatarias, así como aos ecosistemas litorais e mariños como os frecuentes alcances a cetáceos.
Zona de Baixas Emisións
Os ecoloxistas lembran que o peirao de trasantlánticos atópase situado nunha área que está previsto sexa incluída nunha Zona de Baixas Emisións, en cumprimento da Lei de Cambio Climático, “polo que esta actividade altamente emisora é incompatible con esta declaración”.
Por todo, insisten na necesidade da declaración do Atlántico Norte como Zona de Control de Emisións (ECA), é dicir: zona de control de emisións tanto de óxidos de xofre como óxidos de nitróxeno e partículas, tal como se fixo co SOx recentemente co mar Mediterráneo.
‘Maquillaxe verde’
Asi mesmo, Ecoloxistas en Acción denuncia “a operación de maquillaxe verde dos cruceiros e os portos con falsas solución tecnolóxicas como o gas natural licuado, o biometano ou o hidróxeno verde, que ademais de ser inviables, terían enormes impactos climáticos, sociais e ecolóxicos”, sinala Xaquín Pastoriza, coordinador do grupo Rías Baixas da asociación.
Ampliación dos peiraos mediante recheos
Expresan, ademais, o seu rexeitamento aos plans de ampliacións de peiraos mediante recheos no mar, como os anunciados pola Autoridade Portuaria de Vigo. Así mesmo instan ás administracións autonómicas e locais a situarse ao lado da cidadanía e o interese común, en virtude das súas competencias sobre medio ambiente, saúde e turismo,empregando todos os medios dispoñibles para oporse ás ampliacións portuarias e ao turismo de cruceiros nas nosas cidades.
Risco para a saúde
Seguindo con este fío, non teñen dúbida de que o turismo de cruceiros é unha actividade que pon en risco a calidade de vida e a saúde do planeta. Tamén “xera enormes desigualdades nun contexto de fonda crise ecosocial e enerxética, que só favorece os catro oligopolios que controlan o mercado global e que acumulan beneficios astronómicos cada ano a costa da evasión fiscal, a saúde, o planeta e a explotación laboral”. Asemade, fan un chamamento especial á cidadanía para que tomen conciencia dos impactos do turismo de cruceiros e en xeral do turismo de masas baseado na hipermobilidade.