Vigo al minuto

Recoñecemento científico á investigación de médicos vigueses sobre o cancro de próstata

Participaron 40 pacientes cunha media de idade de 67 anos

Recoñecemento científico á investigación de médicos vigueses sobre o cancro de próstata

Un equipo multidisciplinar do Álvaro Cunqueiro ven de recibir varios recoñecementos científicos polo seu traballo de investigación relacionado cos factores de risco do cancro de próstata.

Polo miúdo, o estudo recibiu unha Beca da Sociedade Galega de Uroloxía e o Premio “Julián Gutiérrez de Toledo” á mellor comunicación oral no Congreso Nacional de Uroloxía  polo traballo titulado: “Vigilancia activa en el cáncer de próstata: perfil inmunohistoquímico y microbiota.”

Este proxecto, desenvolvido polo Grupo de Uropatoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, liderado pola uróloga Elena López Diez, ten como investigador principal ao urólogo Adrián Freire. Ademais, contou coa colaboración do urólogo Alejandro Bella e doutros especialistas como a microbióloga Sonia Pérez e os anatónomo patólogos J. A Ortiz e P. San Miguel.

Segundo explica a doutora López Diez “o obxectivo do estudo era encontrar factores  de risco que nos permitan predicir que pacientes progresarán de xeito precoz en vixilancia activa, tanto a nivel inmunohistoquímico como de microbiota intestinal”.

Perda do xen PTEN

Na investigación incluíronse a 40 pacientes cunha media de idade de 67,1 anos e con diversas lesións prostáticas. Asi, no referido aos estudos inmunohistoquímicos, que son análises de tecido extirpado nunha biopsia, valorouse o comportamento de varios xens, entre eles o PTEN, que axuda a deter o crecemento dos tumores. Trátase dun supresor tumoral que frea as células para que non se dividan demasiado rápido.Entre as conclusións, o estudo confirma que unhas das alteracións máis frecuentes no cáncer de próstata a nivel inmunoshistoquímico é a perda deste xen, que se relaciona cunha progresión máis rápida da enfermidade e cun peor prognóstico. Polo tanto, aválase que a perda deste xen é un factor de risco moi significativo no cáncer de próstata.

Papel fundamental da microbiota na sáude prostática

A microbiota é unha comunidade composta por virus, fungos, protozoos e bacterias que viven no corpo humano. Estes microorganismos desempeñan un importante papel tanto na saúde como na enfermidade: a microbiota gastrointestinal e a urinaria se relacionan cun importante impacto en diversas patoloxías urolóxicas, tanto benignas como malignas, actuando particularmente na inflamación prostática e no cáncer de próstata.

Pois ben, esta investigación demostrou as diferencias atopadas nas taxas bacterianas dos pacientes estudados, con independencia das súas idades. “Por isto creemos que a microbiota tamén é un factor de gran relevancia nas patoloxías e  saúde urolóxica. Hoxe en día a relación entre a microbiota gastrointestinal e o cáncer de próstata constitúe un campo de coñecemento de crecente interese, polo que seguiremos desenvolvendo novos estudos neste eido”, asegura a doutora Elena López.

También te puede interesar