As tres centrais maioritarias no sector naval da Ría de Vigo anunciaron hoxe que convocarán folga, se nun prazo máximo de 15 días a Xunta non reúne a mesa do sector para abordar as crecentes problemáticas laborais que padecen os cadros de persoal dos estaleiros e das empresas auxiliares.
Precariedade
Este ultimato chega tras anos alertando da cada vez maior precariedade nunha industria que atravesa un profundo proceso de transformación e que no día de onte rexistrou un novo accidente mortal. En resposta, os traballadores paralizaron hoxe a actividade dos estaleiros e percorreron o centro de Vigo para concentrarse diante da Inspección de Traballo. Alí esixiron a adopción de medidas que garanten a seguridade no traballo.
Dúas mortes en menos dun ano
O sinistro no que perdeu a vida un operario dunha empresa auxiliar que traballa para o estaleiro Armón produciuse cando aínda non se cumpriu un ano da morte doutro operario nas instalacións de Cardama, suceso que elevara o ton das queixas sobre as condicións laborais no sector.
“Mais a Xunta e a Inspección demostraron unha vez máis a súa falta de compromiso cos dereitos das
persoas traballadoras, desoíndo as denuncias e non convocando a mesa do Naval”.
Por iso a CIG, CCOO e UGT optaron hoxe por anunciar unha convocatoria de folga no caso de que non se reúna o sector para abordar as principais problemáticas: precarización, subcontratación; ritmos de traballo elevados; falta de políticas e investimentos en materia de prevención de riscos e xornadas abusivas.