O Instituto Galego de Estatística (IGE) publica hoxe a ‘Estatística de nomes dos neonatos galegos’ correspondente ao ano 2022, que reflicte que ‘Noa’ e ‘Martín’ son os nomes máis frecuentes das nenas e nenos nados en Galicia.
Así, os nomes de mulleres máis comúns son ‘Noa’, ‘Sofía’, ‘Valeria’, ‘Olivia’ e ‘Martina’, que se atopan nas primeiras cinco posicións. En canto aos nomes masculinos, a estatística mostra que os cinco máis frecuentes son
‘Martín’, ‘Mateo’, ‘Leo’, ‘Lucas’ e ‘Hugo’. A comparativa co ano 2021 reflicte que estes eran tamén os nomes preferentes nese ano, coa diferencia de que ‘Mateo’ e ‘Martín’ intercambian posicións e ‘Hugo’ estaba no terceiro lugar e no 2023 baixa ata o quinto posto, por detrás de Leo e Lucas, que ocupan o terceiro e cuarto posto, respectivamente.
Os 20 máis comúns
Por outra banda, se se amplía a mostra e se teñen en conta os 20 primeiros nomes, pódese ver como en 2022, no caso dos nenos, todos os nomes se manteñen na lista, agás ‘Izan’, ‘Daniel’ e ‘Alejandro’ que dan paso no 2022 a ‘Thiago’, ‘Liam’ e ‘Nicolas’.
En canto ás nenas, no 2022 incorpóranse ‘Alba’, ‘Alma’ e ‘Antía’ e desaparecen do listado dos 20 primeiros’, ‘Sabela’, ‘Emma’ e ‘Carla.
Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación
O IGE tamén dispón da ‘Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación’ a través da cal se pode coñecer a evolución histórica dos nomes en función da comarca, o xénero ou a década (desde antes de 1930 ata a década actual).
Esta estatística ofrece información relativa aos nomes da poboación que ten fixada a súa residencia en Galicia, e permite tamén coñecer a distribución comarcal de calquera nome. Pódese consultar premendo AQUÍ.