Este luns arrancou a campaña de vacinación conxunta de gripe e Covid-19, iniciando a inmunización dos usuarios de residencias da terceira idade e centros de discapacidade. Asi, na Área Sanitaria de Vigo 4 equipos específicos de enfermaría (8 profesionais) vanse desprazar diariamente para vacinar a 4.246 persoas institucionalizadas nos 70 centros da área. Hoxe xa achegáronse aos centros do Complexo residencial de Atención a Maiores Dependentes de para inmunizar a 391 residentes.
Campaña secuencial priorizando os colectivos de maior risco
Sanidade conta con dous tipos de vacinas fronte á gripe. Unha tetravalente para toda a poboación menor de 80 anos, e outra de alta carga para as persoas de 80 e máis anos e para os usuarios das residencias de maiores con 60 ou máis anos. Tamén conta cunha nova vacina fronte á Covid-19 adaptada ás cepas circulantes.
Como informara vigoalminuto, a campaña de vacinación, que se prolongará ata o 31 de decembro, levarase a cabo en diferentes puntos de vacinación e, ao igual que en campañas anteriores, o inicio será secuencial para favorecer a priorización dos colectivos con maior risco. Así, a maiores da vacinación in situ nas residencias, os servizos de atención primaria (centros cabeceira) administrarán a vacina fronte a gripe e a covid-19 ás persoas de 80 e máis anos, recibirán a súa cita mediante unha mensaxe de texto. Así mesmo, vacinaranse a domicilio ás persoas inmobilizadas que pertenzan aos grupos diana.
Os hospitais públicos disporán de doses da covid-19 e gripe para a vacinación dos grupos de alto risco.
‘Vacunódromos’ como o de Ifevi
Ademais, habilitaranse grandes recintos, ao longo do mes de outubro, nas áreas sanitarias e distritos para a vacinación conxunta fronte á gripe e a covid-19 dos menores de 80 anos. Estas persoas tamén recibirán unha mensaxe de texto no seu teléfono móbil.
Campaña inmunización virus respiratorio sincitial
Tamén hoxe iniciouse a campaña de inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial, causante da bronquiolite. Esta inmunización é unha das novidades principais do novo “Calendario de inmunización ao longo de toda a vida”, do Programa Galego de Vacinación. Cómpre remarcar que Galicia foi a primeira rexión do mundo en anunciar a inmunización fronte ao VRS como parte do Programa Galego de Vacinación de 2023.
A inmunización fronte ao VRS, iniciase hoxe cos neonatos, vacinándoos no hospital nas primeiras 24-48 horas de vida. Tamén a partir de hoxe están citados os nenos/as prematuros/as nados dende o 1 de outubro de 2022; así como os bebés con condicións de alto risco (cardiopatías conxénitas, displasia broncopulmonar, etc).
Ademais, está prevista unha recaptación dos lactantes nados dende o 1 de abril de 2023, que recibirán a vacina nas dúas primeiras semanas do mes de outubro. Citaranse vía SMS no hospital público de referencia.