O servizo de Traumatoloxía da Área Sanitaria de Vigo porá en marcha a cirurxía ortopédica robótica nos próximos días, antes de finalizar o mes de setembro. O robot, que estará emprazado no Hospital Meixoeiro, iniciará a sua andaina coas próteses de xeonllos, unha das intervencións máis frecuentes en traumatoloxía.
Neste equipamento Sanidade investiu case 2 millóns de euros, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia, como parte da resposta da UE á pandemia da Covid.
Neste contexto, o servizo de Traumatoloxía desenvolveu un “Curso de Cirugía robótica de rodilla”. Segundo afirma o xefe de Sección de Traumatoloxía, o doutor Manuel Castro “aínda que no noso equipo xa contamos con cirurxiáns ortopédicos formados nestas tecnoloxías, decidimos facer extensiva esa formación ao outros profesionais interesados e ao alumnado de Enxeñaría Biomédica que cursa neste hospital. Trátase do primeiro curso de Galicia, cunha parte teórica e outra práctica, no que realizamos demostracións e simulacións deste tipo de intervencións cun robot de características similares”.
Maior exactitude e precisión
A artroplastia total de xeonllo é, hoxe en día, un dos procesos cirúrxicos de máis alta prevalenza en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, demostrando ser altamente efectivo á hora de mellorar a dor e a calidade de vida dos doentes con patoloxía dexenerativa ou inflamatoria desa articulación. De feito, os traumatólogos do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) implantan anualmente 500 próteses de xeonllo.
Máis exactitude e precisión
A utilización do sistema de cirurxía robótica para a substitución de xeonllo demostrou ser a máis vantaxosa para o paciente, comparada coas técnicas convencionais, dado que aporta unha maior exactitude e precisión á hora de planificar a posición e o tamaño do implante. Ademais, supoñen un menor sangrado durante a cirurxía; menos dor postoperatoria, tempo de recuperación e de estancia hospitalaria; así como unha diminución das complicacións.
“Un dos aspectos máis difíciles da cirurxía de substitución de articulacións é colocar os compoñentes individuais da articulación artificial na mellor aliñación posible para que encaixen e funcionen sen problemas. Polo tanto, o obxectivo principal dos dispositivos robóticos é de provernos aos cirurxiáns dunha ferramenta específica para executar, de forma exacta, os cortes óseos de acordo cunha precisa planificación cirúrxica previa, conseguindo así restablecer a mecánica e función do xeonllo”, explica o doutor Castro.
Ademais, o robot conta cun brazo que asiste ao cirurxián na execución da intervención, proporcionándolle retroalimentación táctil, visual e auditiva.
Ferramenta de investigación
Outra das vantaxes deste equipamento robótico está relacionada coa Big Date xa que todos os datos de cada intervención -as medidas, os ángulos, a rotación, os cortes, etcétera- quedarán rexistrados, o que será de gran interese para a investigación e realización de estudos científicos que permitan seguir mellorando a colocación das próteses.
900 intervencións con Cirurxía robótica no Chuvi
Sanidade iniciou a súa aposta pola cirurxía robótica na Área Sanitaria de Vigo coa adquisición do Robot Da Vinci, que comezou a funcionar hai dous anos e que xa leva realizadas 900 intervencións en eidos como a uroloxía, a xinecoloxía, a cirurxía xeral e dixestiva, a cirurxía torácica e a otorrinolaringoloxía.