Ata o día 1 de decembro estará aberto o prazo para solicitar as axudas á natalidade do Concello de Covelo. Como sinala o alcalde, Pablo Castillo, “este é o noso agasallo de benvida para as novas crianzas ás que tentaremos seguir apoiando ao longo da súa infancia coas axudas para material en educación infantil; ofrecendo servizos que faciliten a conciliación familiar e laboral como a aula matinal en colaboración coa ANPA do colexio Antonio Blanco ou os campamentos de verán; servizos como o de Atención Temperá para aqueles/as que precisen un seguemento específico ou actividades de lecer e obradoiros nos que promover a súa creatividade e todo o que estea nas nosas mans”.
Familias empadroadas
Co obxectivo último de fomentar a natalidade, tal e como se fixo dende o Concello o ano pasado, e co inmediato de dar unha axuda ás familias de Covelo que teñan fillos por nacemento ou adopción ponse en marcha esta nova convocatoria. Asi, poderán beneficiarse da mesma as familias empadroadas no concello, pero que ademais teñan a súa residencia efectiva, polo que tanto as persoas beneficiarias como as súas fillas e fillos deberán vivir habitualmente en calquera das parroquias.
500 euros por neno
Para estas axudas, que tamén perseguen fixar poboación no rural, a partida é de 5.500€ correspondendo un total de 500€ a cada neno ou nena nado ou adoptado entre o 1 de decembro de 2022 e o 30 de novembro de 2023.
O alcalde explica que é “unha medida de apoio que atopa o seu fundamento na lóxica necesidade de que, sendo a natalidade un beneficio para todas as persoas, é lexítimo axudar as nais e pais a soportar as indubidables cargas materiais que se ocasionan sobre todo nos primeiros meses de vida dunha nena ou un neno”.
As bases para solicitar estas axudas están xa dispoñibles na páxina web do Concello.