O Bloque Nacionalista Galego vén de reiterar hoxe no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo a solicitude de acceso a todos os expedientes das licenzas urbanísticas que non se tramitaron, pola suspensión automática durante a tramitación do novo PXOM. Ademáis, o grupo municipal do BNG pide consultar todos os informes que emitiu o Secretario Xeral sobre estas licenzas. En total son preto de cen expedientes.
Así, o portavoz do Bloque manifestou que o fan “despois de que o Goberno municipal insista en vulnerar os meus dereitos fundamentais como concelleiro ao non atender a solicitude”. Xabier P. Igrexas engade que “queremos coñecer con todo detalle esas licenzas pendentes que en apenas 20 días, a partir do vindeiro día 16 de outubro, poderán tramitarse grazas ao acordo de ampliación de prazo para aprobación provisional do novo Plan Xeral“, aprobado onte polo Pleno da Corporación.
Afectan a ámbitos de protección ou de primeira liña do litoral
Igrexas apunta a que o seu grupo sabe que “nalgúns casos esas licenzas afectan a ámbitos de especial protección ou de primeira liña de litoral e que non poderían outorgarse baixo ningún concepto co novo PXOM”.
Á vista deste feito, subliña o voceiro dos nacionalistas, “é claro que hai moito que esconder”. Na súa opinión, “o Goberno de Abel Caballero non quere que a cidade saiba quen se vai beneficiar desta nova porta de atrás para uns poucos, dentro do urbanismo á carta no que insiste unha e outra vez a concelleira María José Caride”.