Por primeira vez en 19 anos, o audiovisual galego ocupa unha sección específica no London Spanish Film Festival (LSFF). Así, Letters from Galicia, como se chama a nova sección do festival londiniense, vai proxectar obras de Eloy Domínguez Serén e mais da viguesa Diana Toucedo este mércores, día 27, no Ciné Lumière da capital británica.
As creacións galegas no foco
O LSFF, que xa alberga desde hai tempo seccións diferenciadas doutras comunidades, algunhas delas tan veteranas como a catalá e a vasca con 15 e 14 anos de vida, respectivamente, abre esta nova ventá co foco nas creacións galegas galardoadas na última edición da MICE. Estas proxeccións suporán a estrea no Reino Unido da longametraxe Al otro lado del mar de Eloy Domínguez, premio ao Mellor Filme Galego, e da curta de Diana Toucedo Tatuado nos ollos levamos o pouso, premio CREA.
Alén diso, Letters from Galicia tamén acollerá outras catro obras de Toucedo: Prekasno, Borders, Homes e Imágenes secretas. Deste xeito, o audiovisual galego faise un oco con nome propio dentro desta cita do cinema español que leva case vinte anos celebrándose en Londres e amosando o mellor do cinema estatal.
Asi, Diana Toucedo, que xa proxectou no LSFF de 2019 a súa obra Trinta lumes, regresa agora cunha sesión que reúne cinco mostras do seu talento e na que destaca Tatuado nos ollos levamos o pouso, unha curtametraxe multipremiada sobre as mariscadoras dunha vila do sur de Galicia rodada “cunha mirada coidadosa, sensible a todos os elementos e símbolos e fundindo os corpos na natureza”.
Diana Toucedo (1982) é una cineasta e montadora que con base en Barcelona. Tragovi (2009) foi a súa primeira longametraxe documental como montadora, un proxecto rodado en Bosnia-Herzegovina. Traballou durante dous anos no Estudo Mariscal na montaxe do filme de animación Chico y Rita (2010), dirixido por Fernando Trueba e Javier Mariscal, e colaborou co prestixioso deseñador en múltiples obras visuais. Tamén montou xunto a Isaki Lacuesta In Between days (2009), a súa correspondencia filmada coa cineasta Kawase, e La noche que no acaba (2010).
Como directora, na súa filmografía figuran títulos como Ser de luz (2009), con materiais de Gustav Deutch, Tres tiempos tres gestos (2009), sobre a obra de Naomi Kawase, ou a longametraxe Trinta lumes (2017), estreada na Berlinale.