Cultura Vigo al minuto

Teatro: medio centenar de funcións para todos os públicos co ciclo ‘Tornar ás Taboas’

Dende este sábado, día 7, ata o 28 de decembro

Teatro: medio centenar de funcións para todos os públicos co ciclo 'Tornar ás Taboas'

A Deputación de Pontevedra levanta o pano dunha nova edición do ciclo teatral “Tornar ás Táboas”, que achegará ao longo destes tres últimos meses do ano un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia, coa participación de trinta compañías galegas.

Concellos de menos de 20.000 habitantes

Este programa, que busca espallar a arte escénica e encher os escenarios dos espazos culturais dos municipios de menos de 20.000 habitantes, arrancará en Moaña este sábado 7 de outubro e prolongarase ata o 28 de decembro, data no que finalizará coa representación que terá lugar en Salvaterra de Miño.

Para tratar deste novo ciclo, a vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, mantivo unha xuntanza con Santiago Cortegoso e Xoque Carbajal, presidente e responsable da comisión de traballo de compañía con sede en Pontevedra da asociación Escena Galega.

Moaña

A primeira das representacións de “Tornar ás Táboas”, de acceso libre ata completar o aforo, terá lugar este sábado, 7 de outubro, no IES As Barxas de Moaña, a cargo de Amorodio Teatro, que porá en escena “A nai” ás 21:00 horas.

Covelo

Pola súa banda o domingo, 8 de outubro, Covelo acollerá a segunda das funcións, tamén de acceso libre e ata completar o aforo, a cargo de Ártika Cía, que porá en escena “Illa da deslembranza” no Auditorio Municipal, ás 19:00 horas. Trátase dun espectáculo dirixido ao público infantil e familiar.

Outubro

Posteriormente, en outubro haberá outras 16 funcións, que chegarán ao concellos de Valga o día 14; Vila de Cruces e Soutomaior o 15; Fornelos de Montes o día 20; Gondomar, Tomiño e Mondariz o día 21; Pazos de Borbén e Meaño na xornada do 22; Cambados o 24; Poio e Pontecesures o día 28; aos concello da Cañiza e O Rosal o día 29 e por último a Oia e Vilanova de Arousa o día 31.

Nestes municipios actuarán, ademais de Amorodio, as compañías Ibuprofeno Teatro; Viravolta Títeres; Ártika Cía; Migallas Teatro; Tanxarina; Teatro Ghazafelhos; A Panadaría; Nelson Quinteiro Producións; Simplemente Enricco; Baobab Teatro; Dani Blanco; Compañía Humana; De Ste Xeito e Barafunda.

Novembro

No mes de novembro, están previstas un total de 12 representacións, que chegarán aos concellos de Agolada o día 10; aos municipios da Guarda e Bueu o día 11; Meis o 12; Ponte Caldelas o 17; Rodeiro o día 18; Portas e Catoira o día 19; á Illa de Arousa o 24; Cerdedo-Cotobade o 25 e aos concellos de Ribadumia e O Grove o día 26.

Algunhas das compañías que levarán nese mes os seus espectáculos a escena son Isabel Risco; Os Náufragos Teatro; Redrum Teatro; Olivas Negras; Matrioshka Tetro; Culturactiva Producións ou Malasombra.

Decembro

Por outra banda, no mes de decembro desenvolveranse as restantes 19 funcións, que terán lugar o día 2 nos municipios de Nigrán e Moraña; día 3 en Baiona e Mos; o día 8 nas Neves; 9 en Sanxenxo e Arbo; o día 10 en Caldas de Reis; día 16 a Forcarei, A Lama e Campo Lameiro; o día 20 a Dozón; 22 a Mondariz-Balneario, Vilaboa e Barro; o día 23 a Silleda; 26 a Cuntis e Salceda de Caselas e, por último, o día 28 a Salvaterra de Miño.

Ademais de varias das anteriores compañías, outras que actuarán neste último tramo do ciclo son A Cova das Letras, Artefeito; Vero Rilo; Píscore; Brais das Hortas; Fulano, Mengano e Citano; a Fundación Rogelio Groba e Expresión Producións.

También te puede interesar