Comarcas Vigo al minuto

A Deputación mobiliza máis de 4,2 millóns destinados a concellos pequenos

Para dixitalizació, fomento do comercio local e obras en estradas

A Deputación mobiliza máis de 4,2 millóns destinados a concellos pequenos

O presidente da Deputación de Pontevedra deu conta na rolda de prensa previa á celebración da Xunta de Goberno de cada venres da mobilización de máis de 4,2 millóns de euros en diversas iniciativas encamiñadas a apoiar proxectos en concellos pequenos.

Por un lado, aprobouse a adhesión de 31 novos concellos ao proxecto de transformación dixital e modernización. Tamén obtivo luz verde o programa “Da túa man” (rural II)  destinado a fomentar a actividade comercial en 11 vilas rurais da provincia. Do mesmo xeito, o goberno provincial colabora cos concellos de Silleda e A Lama para a execución de proxectos de mellora da seguridade viaria. “Creo que está quedando claro que somos un goberno municipalista. Todos os concellos van ser durante este mandato os grandes protagonistas, subliñou Luis López.

Transformación dixital e modernización

En primeiro lugar, a Xunta de Goberno aprobou a incorporación dun total de 31 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia aos 19 municipios que xa se deran adherido a semana anterior ao proxecto de transformación dixital e modernización dos concellos que conta cunha achega de 2,52 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation.

Detallou o presidente que as novas altas son A Cañiza; A Guarda; A Illa de Arousa; Agolada; Arbo; Baiona; Bueu; Catoira; Cuntis; Dozón; Forcarei; Gondomar; Meis; Moaña; Mos; O Grove; O Rosal; Poio; Pontecesures; Portas, Ribadumia, Rodeiro, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilanova de Arousa.

Cinco liñas abertas

Os concellos tiñan que especificar na súa carta de adhesión que liñas queren desenvolver, das cinco que se van poñer en marcha ao abeiro deste proxecto. Así, destes novos 31 concellos, 22 solicitaron a plataforma de comunicación e xestión de incidencias e 17 o portal de transparencia; 22 o sistema automático de xestión de órganos colexiados, 20 o cadro de mandos de indicadores de Axenda Urbana e ODS, e 27 a integración coa Carpeta Cidadá do Estado. Ademais, a máis demandada, solicitada pola totalidade dos municipios, foi a provisión de equipamentos informáticos intelixentes.

“Da túa man”

Tamén para dar apoio aos concellos rurais, a Xunta de Goberno sacou adiante o programa “Da túa man” (rural II). Unha iniciativa que busca que busca apoiar a actividade comercial en zonas rurais da provincia. O proxecto conta cun orzamento de 500.000 euros financiados pola Unión Europea  e desenvolverase en 11 concellos da provincia: A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Moraña, Oia, pazos de Borbén, Portas e Vilaboa.

O plan nace con vontade de visibilizar e modernizar o pequeno comercio local adaptándoo aos novos hábitos de consumo. Faino a través da implementación e uso das novas tecnoloxías e o desenvolvemento de prácticas que promovan a economía circular, así como unha mellora no acondicionamento dos espazos. O fin último destas actuacións é que o comercio de proximidade “teña máis capacidade para inxectar emprego, riqueza e prosperidade na provincia”, explicou o presidente da Deputación.

Entre as actuacións que se levarán a cabo, está a convocatoria de obradoiros de xestión de negocios e de economía circular; a creación dunha rede de comercio local para integrar a todos os axentes; a dotación aos municipios de prazas de aparcamento para persoas con discapacidade.

Ademais, delimitaranse as zonas comerciais con xardineiras; instalarse sinalética corporativa; habilitaranse contedores para reciclaxe e de recollida selectiva; poranse en marcha dúas campañas de comunicación e promoveranse novos deseños de bolsas e mochilas sostibles para o comercio e a comunidade escolar.

También te puede interesar