Os clientes do comercio galego de proximidade poderán descargar e empregar desde este luns 9 de outubro o Bono Activa Comercio, ao que a Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 2,5 millóns de euros para incentivar a demanda e atraer nova clientela aos establecementos de proximidade.
Asi, cada persoa poderá descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos, que suman xa máis de 4.000.
Un único bono por persoa
Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. Só se permitirá descargar un único bono por persoa, e o importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Como na edición anterior deste ano non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos (un por persoa), senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar. Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga e uso por parte dos consumidores ata o 31 de decembro, salvo esgotamento previo do orzamento destinado. Pola súa banda, os comercios que se queiran adherir a esta iniciativa poderán facelo ata o 15 de decembro.