O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de convocar aos 61 alcaldes e alcaldesas da provincia para unha reunión, o luns día 16, no Pazo Provincial para comunicarlles polo miúdo o programa de investimentos do goberno provincial para o próximo exercicio.
A reunión prodúcese no marco dos preparativos dos Orzamentos do próximo ano e o presidente cumpre, asi, “coa súa palabra de explicarlle primeiro ao conxunto de rexedores os principios que marcarán os investimentos da Deputación nos distintos concellos pontevedreses”.
Máis “colaboración” cos concellos
Luis López trasladará a alcaldes e alcaldesas a súa intención de “estreitar a colaboración cos concellos e afondar no apoio aos investimentos municipais”. Así mesmo, “detallará a todos os dirixentes municipais cales serán os principios e as liñas mestras que marcarán o reparto de fondos provinciais nos distintos concellos, que estará rexido pola transparencia e a ausencia de sectarismo”.
Ademais, engaden dende a Deputación, “o presidente trasladará o seu compromiso de levar a cabo un mandato caracterizado pola cercanía, a comunicación fluída e a lealdade institucional con todos os concellos sen importar o seu tamaño ou o partido no goberno”.