Organizado polo GDR Condado Paradanta froito do convenio con Turismo de Galicia este sábado, día 14 (de 16:30 a 20:00h), e domingo día 15 (11:00 a 14:00h.), os xardíns do Gran Hotel de Mondariz Balneario volverán os dourados anos vinte – do século pasado- e serán o escenario perfecto para emular os relaxantes e enriquecedores paseos das xentes daquela época.
Abertas ao público, o GDR Condado Paradanta organiza estas dúas actividades inmersivas nas que mergullarse na historia e mesmo trasladarse a outros tempos póndose no papel de investigadores, produtores ou consumidores e espallar así o coñecemento dunha parte da súa historia.
Ven pasear a Balneario
Asi, sesenta veciñas e veciños de Mondariz, Mondariz Balneario e Ponteareas converteranse en actores e actrices para ambientar este espectáculo ao aire libre totalmente gratuíto e no que poden participar todos os públicos. Coordinados pola produtora experta en visitas teatralizadas, EscénaTe, farán dos xardíns o seu escenario.
Vestimenta; postos de pestiscos; terraza con bar organizada polo CIT (Centro de Iniciativas Turísticas de Mondariz Balneario); ambientación; música en directo co cuarteto de corda e diálogos rescatados da memoria protagonizarán este espectáculo ao aire libre que nos sorprenderá con interpretacións espóradicas ao longo de toda a xornada.
“Vida Social no Balneario de Mondariz en 1920” ofrecerá diversión pero tamén a oportunidade única de revivir tempos de glamour, de culto ao coñecemento e de goce das artes. As persoas participantes serán sorprendidas por un Ramón Cabanillas, unha Emilia Pardo Bazán ou un Enrique Peinador que pasearán polos xardíns e voltarán ao presente na pel da veciñanza.