Tras sete anos de experiencia na execución de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres vítimas de violencia de xénero, Aemos presentou a primeira empresa de inserción laboral para este colectivo. Fíxoo ante o secretario xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, e xunto con representantes do Concello de Mos: a concelleira de Economía, Industria e Facenda de Mos, María Felisa Rodríguez, e o segundo tenente de alcaldesa, Leo Costas Alonso, así como o presidente de Aemos, Manuel Castro Álvarez.
230 mulleres
Dende o ano 2016, Aemos, e mediante o programa Activa para mulleres VVX, atendeu a un total de 230 mulleres da comarca de Vigo que buscaban a súa incorporación no mercado laboral. Nesta traxectoria foron máis de 5.000 horas formativas, especialmente dedicadas á mellora da súa empregabilidade e atendendo tamén ás necesidades psicosociais. Así mesmo foi importante a colaboración de máis de 200 empresas no desenvolvemento laboral das participantes. Como resultado cuantitativo, máis de 80 mulleres participantes nestes programas acadaron unha inserción laboral.