O Concello de Ponteareas terá unha nova configuración interna despois do acordo alcanzado entre a alcaldesa, Nava Castro, e o voceiro de Alternativa Ciudadana de Ponteareas (ACIP), Juan Carlos González. ACIP, que obtivo 4 concelleiros nas eleccións municipais do pasado 28 de maio, súmase así ao equipo de goberno dos populares que viñan exercendo en minoría, con 8 edís. Despois deste pacto, o novo goberno contará con 12 asentos no Pleno da Corporación, o que “aportará estabilidade institucional e unha ampla maioría absoluta”, sinalan dende o Concello.
Nova negociación
Este achegamento entre o goberno local e ACIP é froito de distintas conversas e reunións de traballo durante as últimas datas. “Nava Castro sempre tendeu a man a que outras forzas se sumasen ao proxecto de futuro para Ponteareas, sendo precisamente ACIP o principal destinatario desa oferta, xa que a aritmética política confería a suma da maioría absoluta no pleno”. Agora, superados os primeiros 100 días de mandato, Juan Carlos González e o resto do seu grupo pasan a formar parte do goberno municipal.
Dúas tenencias de Alcaldía e 3 asentos para ACIP na Xunta de Goberno
Ambos líderes asinaron un documento no que se establecen os detalles deste acordo. Os puntos máis salientables son que a alcaldía seguirá en mans de Nava Castro. Haberá 3 tenencias de Alcaldía, dúas delas para ACIP (1ª e 3ª) e unha máis para o PP (2ª). A Xunta de goberno local estará composta por 7 membros: 4 dos populares e 3 de Alternativa Ciudadana de Ponteareas.
En total, con esta reconfiguración do equipo de goberno, estableceranse 14 concellerías: 8 para os populares e 6 para os membros de ACIP. Tal e como se recolle no documento asinado, todas as concellarías contarán con autonomía de goberno e orzamento propio para poder exercer as correspondentes labores de goberno.
Así queda a nova organización municipal
Áreas dirixidas polo PP:
– Concellería de Medio Ambiente, Urbanismo, Axenda 2030, Emprendemento, Innovación e Desenvolvemento Empresarial
- Benestar Social, Igualdade, Saúde, Consumo e Colectivos LGTBIQ+
- Comercio, Ensino e Letras nas aulas
- Facenda, Réxime interior, Proximidade cidadá, Recursos Humanos, Modernización Tecnolóxica e Comunicación Institucional,
- Residuos Sólidos Urbanos, e Limpeza Viaria
- Xuventude e Voluntariado
- Desbroces, Parques e Xardíns
Áreas dirixidas por ACIP:
- Vías e Obras (inclúe Iluminación e Cemiterios)
- Mobilidade, Seguridade, Bombeiros e Protección Civil( inclúe Venda ambulante, Sancións, Autorizacións de eventos, Vados).-Infraestruturas Xerais, Saneamento e Augas (inclúe Obras).
- Deportes
- Turismo
- Cultura (inclúe Eventos e Festas)
Dedicacións exclusivas
En canto ás dedicacións exclusivas, os termos do acordo recollen que o PP terá a Alcaldía, 3 adicacións completas e unha parcial; ACIP, unha dedicación completa e 3 parciais, puidendo ser unha delas para persoal de confianza.
Grandes proxectos
Dentro das negociacións para a conformación dun novo goberno municipal, as formacións promotoras do acordo consensuaron ata 20 grandes proxectos para o municipio. “Este paquete de medidas implicará, de xeito transversal, ás diferentes áreas do goberno e reportará melloras á cidadanía en áreas como infraestruturas, saneamento, parroquias, deportes, iluminación e emprego”.