Comarcas Vigo al minuto

A coalición que goberna Redondela, cambalea

AER asegura que Digna Rivas non está a cumprir o acordo

Redondela deixa sen empregar a metade do orzamento de Cultura e destina 700.000€ a festas

A coalición de goberno de Redondela, entre o PSdG-PSOE e a Agrupación de Electores de Redondela (AER), cambaléase. Nunha nota enviada aos medios de comunicación, os responsabeis de AER sinalan que o acordo entre os dous partidos para facer alcaldesa a Digna Rivas “non se está a cumprir”.

Os representantes de AER van máis aló e aseguran que, ainda que estes catro meses de mandato poidan parecer pouco tempo, “hai puntos do documento [do pacto de coalición] que xa son imposibles de levar a cabo”.

Máis de 30 puntos pactados

Asi, AER lembra que o pacto co PSOE recolle máis de 30 apartados referidos a diferentes ámbitos, dos que salientan, pola súa importancia: a reorientación do aparcadoiro de Vilavella con criterios medioambientais; peonalizacións en diversas rúas no casco urbano e convenio de emerxencias vitais co Concello de Vigo.

Vilavella

Para a Agrupación de Electores, no que se refire ao aparcadoiro de Vilavella, non hai “nin criterio medioambiental nin certeza de funcionamento”. Neste sentido, afondan que dende que AER tivese coñecemento do proxecto que o goberno de Digna Rivas pretendía executar na parcela anexa ao Convento de Vilavella, xa reclamou a oportunidade de recuperar a ribeira natural do Maceiras nese tramo, así como construír unha ponte de madeira que comunicase o aparcamento co paseo do río. E foi unha das condicións que puxo AER para facer alcaldesa a candidata socialista.

Neste sentido apuntan que “O estado actual das obras amosa que Digna Rivas non mudou nin unha coma do seu proxecto orixinal. Onde había unha nave, simplemente construíu un aparcadoiro”. Para os representantes de AER, “aínda que isto nos parece lamentable, hai outra circunstancia que poida que sexa aínda máis grave: estase a desenvolver un proxecto sen que estea garantida a saída de vehículos pola rampla traseira da parcela“.

Peonalizacións

Polo que se refire ás peonalizacións, no acordo de goberno, lembran dende AER, recóllese literalmente que as peonalizacións das rúas Padre Sarmiento; Paseo da Xunqueira e a contorna daPpraza da Constitución serían inminentes. “Ata o de agora, ao respecto, o goberno de Digna Rivas, nestes catro meses, non fixo absolutamente nada”.

Policía Local de Redondela -Convenio con Vigo para emerxencias vitais

Por último, en relación ás emerxencias, o acordo inclúe dous puntos, din dende a Agrupación de Electores. Por unha banda a aposta definitiva do servicio propio de Redondela, o SEIS, dotándoo de persoal e recursos suficientes para atender o servizo 24/7. Ao mesmo tempo, acordouse que se promovese co Concello de Vigo a sinatura dun convenio para que os bombeiros do parque de Teis deran servizo ás emerxencias vitais que puidesen xurdir no noso Concello.

“A primeira parte deste asunto entendemos que require de tempo, principalmente porque primeiro hai que incrementar os ingresos do Concello para poder mellorar o SEIS de Redondela. O que AER quere denunciar e que, neste tempo, non consta nin o primeiro contacto para iniciar as conversas con Vigo, especialmente chamativo tendo en conta a suposta boa relación de Digna Rivas con Abel Caballero”.

También te puede interesar